- Biografía
- Audios
- Videos
Pontevedresa de pai e combarresa de nai, é historiadora da arte e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. De clases con pinceis a aulas de xiz, todo segue a agromar na pintura e nas palabras.
De pequena aprendín a recoñecer o inverno na flor das camelias da avenida, a primavera nas margaridas de Campolongo e o verán na mochila para á praia de Combarro. O outono quedaba aí, nun espazo incerto que foi definido na adolescencia: primeiro o Valle-Inclán e os recreos na Alameda; máis tarde, as rúas da zona vella cheas de xente con Estrellas e licor café, o Liceo Mutante, a música e a fogueira de San Xoán ao carón do río. Naqueles anos observei que na palabra, no xesto e no intercambio están as verdadeiras revolucións. Alí, nos lugares que ninguén ve, como os papeis editados con grampas e os cartazes dos muros. Iso quixen transmitir nas miñas ilustracións, nos meus escritos, nos meus poemas; iso quixen exclamar nas miñas clases, tanto ás nenas que dicían non saber debuxar, como ás alumnas de grao que crían na Historia da Arte, sempre con maiúscula. Eu quixen pronunciar isto, que as historias van en plural e en minúscula. Que as historias son colectivas e que ata as máis miúdas transforman as estacións.
Descargar