Andrea González

Andrea González (1996) natural de Vilaboa, artista tradicional e dixital, especializada en concept art. É membro e xogadora do clube Negra Sombra de Roller Derby.

De pequena os únicos deportes que practiquei de maneira máis constante durante un par de anos foron natación e karate, nunca estiven nun deporte de equipo e tampouco houbo ningunha outra actividade que me atraese.

Pero fai dous anos, cando rematou a corentena, andaba na procura dalgún deporte ou actividade que me gustase e motivase, estaba pasando unha crise de ansiedade e necesitaba recuperar dalgunha forma a confianza en min mesma.

Nesa busca atopeime co roller derby, un deporte de contacto e en patins, aparte de ser algo completamente novo e fóra do convencional, o que máis me impactou foi a ideoloxía feminista, lgtbiq+ e que non importa a tua complexión física. Algo pouco común no ámbito do deporte.

Foi todo un reto xa que nunca puxen uns patins tradicionais, pero acostumeime facilmente grazas ás compañeiras do equipo, xa que neste deporte non hai adestrador como tal, senón que hai un pensamento horizontal onde todes participamos e colaboramos, vamos aprendendo e transmitindo os nosos coñecementos. E a día de hoxe sigo aprendendo tanto do meu equipo coma doutras da comunidade derby en Galicia.

Nestes dous anos tiven a sorte de poder xogar con meu club a temporada pasada na liga galega e este ano co equipo de Irmandiñas de A Coruña. Pero creo que a miña sorte de verdade foi encontrar o meu deporte co cal conectei e coñecín un gran grupo de persoas que sempre te reciben cos brazos abertos.

Biografía de Andrea González

Descargar

Biografías Relacionadas