- Biografía
- Audios
- Videos (1)
Son Beatriz González Andino, máis coñecida por Beatriz Andino. Son música de raíz, filla de músico consagrado. A música é unha ferramenta de traballo, de expresión, de linguaxe, de paixón, de emoción… O meu instrumento principal é o piano pero tamén o canto e atrévome a probar calquera instrumento musical. Gústame a música en todas as súas vertentes, tanto docente como interpretativa, discográfica, etc. Polas miñas veas corre sangue galega e arxentina, o que fai dos meus gustos unha mistura de músicas diversas que me apaixonan e enriquecen.
Nacín en Vigo e estudei no Conservatorio de Vigo. Tamén son licenciada en dereito pola Universidade de Vigo. Aínda que as dúas carreiras semellan moi diferentes, teñen moito que ver, en canto á forza, o carácter e o convencemento do que fas.
Sempre soñei con montar un centro de ensinanza musical que levara os meus valores por diante, que tivera un equipo unido e profesional, que transmitira todo o que eu vivín na miña casa de man do meu pai e que eu sinto cando fago música. O ano pasado puiden abrir a miña primeira escola da música na cidade de Pontevedra, chamada Gaia (deusa grega da Terra) por aquilo de que a música para min é raíz. A cidade de Pontevedra foi e segue sendo unha cidade que me acolleu e compartiu comigo a miña senda musical, sendo escenario de moitos proxectos e oportunidades, coma o dueto de cámara do que formo parte hoxe en día coa violinista Laura Moure. (Xarima é o nome do dueto, ven dunha derivación da flor do toxo, o do nome dunha peza que meu pai compuxo).
Por último, engadir que para min a música tradicional xoga un papel moi importante na miña playlist musical. É banda sonora da miña vida, con agrupacións como A Roda, Luar na Lubre, Milladoiro… Meu pai mostroume que a música pode salvarte neste mundo que avanza tan rápido, e abofé que é así.
Descargar