O proxecto

Para unha historia con todas as cores

A cidade é unha memoria organizada e na historia as mulleres son as esquecidas (Hanna Arent)

Vítimas dun sistema que as condenou durante séculos á submisión e a dependencia, que as recluiu nos recantos máis escuros do tempo, as mulleres seguen sufrindo hoxendía a exclusión da invisibilidade nos discursos históricos.

Nos libros non tiveron lugar de seu as innovadoras e pioneiras da Idade Media, as heterodoxas e rebeldes dos tempos modernos, as que cultivaron as artes e as letras na época contemporánea, as que romperon as imposicións e entraron nas aulas do bacharelato e a universidade no século XX. Tampouco tiveron espazo propio as empresarias, as traballadoras, as artesás, as proletarias do campo, do mar e da cidade, as emigradas…, mulleres de coraxe e de labor que ficaron recluídas no silencio, no anonimato.

Ou todas as que se comprometeron coa causa da liberdade, cos ideais de progreso e igualdade, con Galiza e a República, e que foron perseguidas, aldraxadas, sinaladas, recluídas nos cárceres e nas cadeas da Ditadura, durante décadas. E que despois ficaron encerradas no esquecemento, nunha memoria apenas pronunciada no interior das casas.

Mais toda esa historia, toda esa memoria vizosa e valente estaba aí, agardando. E agora emerxe poderosa e fecunda en imaxes e documentos, en textos que reflicten as caras ocultas, as voces silenciadas, os nomes rotos, os feitos postergados. E tamén os corpos ousados, as mans fortes, as palabras audaces, as mentes lúcidas, creativas, insubmisas.

Todo para cumprir unha arela de coñecemento e recoñecemento, mais sobre todo de Verdade, para que o pano da Historia se ilumine con todas as cores, do gris ao violeta.

Consulta os obxectivos do proxecto aquí e os seus froitos aquí.