Espazo público

A presenza das mulleres nos espazos públicos do Concello de Pontevedra visibilízase ao lle dar nome ás rúas, ás prazas, na sinaléctica; faise arte nos murais da cidade e cobran vida nos roteiros guiados.

Muller e espazo público

Un dos obxectivos do programa é que as mulleres conquisten o espazo público, do que estiveron historicamente relegadas. Unha das formas máis evidentes de exclusión é o carácter patriarcal e clasista da denominación de rúas, prazas ou edificios. E tamén a discriminación das mulleres na sinalética urbana e nas homenaxes escultóricas, nas que raramente aparece con nome propio.

A presenza de nomes femininos na denominación de vías e outros espazos públicos é absolutamente minoritaria en relación cos nomes de homes; mais o labor de estudo e divulgación sobre a historia das mulleres de Pontevedra realizado nos últimos anos fornece unha ampla conxunto de nomes que deben ser obxecto de recoñecemento. Consulta aquí a liña do tempo sobre accións no Espazo Público.

 

Accións de recoñecemento

Nomes de espazos públicos, placas, roteiros e actividades

As accións de recoñecemento teñen como finalidade situar as mulleres -con nome propio e con información sobre as súas achegas á mellora da cidade e da sociedade- nos espazos públicos. Para avanzar neste camiño de empoderamento, desenvólvense entre outras as seguintes liñas de traballo:

  • Emprego de nomes de mulleres para a denominación de espazos públicos: vías urbanas, prazas, parques e edificios públicos (centros de ensino, centros de investigación, bibliotecas…).
  • Colocación de rótulos, placas conmemorativas e esculturas que salienten o protagonismo individual e colectivo das mulleres na historia da cidade.
  • Organización de roteiros urbanos centrados na historia e na memoria das mulleres.
  • Realización de murais e outras intervencións artísticas.
  • Organización de actividades divulgativas (publicacións, conferencias, exposicións…), prestando especial atención aos centros educativos.

Mapa de accións realizadas no espazo público