- Biografía
- Audios
- Videos
Son investigadora do teatro, as letras e as artes plásticas de Ponte Sampaio, onde aínda manteño o campamento base.
Nacer nacín en Pontevedra (que é onde hai hospital) mais eu son un cuarto do Rañadoiro (onde me naceu o galego e o amor pola vexetación) e tres cuartos de Ponte Sampaio (onde aprendín a ler e escribir e está o niño familiar).
De cativa devecía polos papeis a feixes, os libros e as ferramentas do taller de meu pai, que eu usaba ás agachadas. Igual por iso me custou tanto decidirme que non cheguei a facelo nunca e agora son dramaturga, directora de teatro, actriz, artista plástica, narradora e poeta.
Adoro o rural do concello. A Pontevedra (cidade) que coñecín primeiro (agora mudou moito) era gris e un pouco fea pero perdoeillo porque me deu o ser alumna da pintora Eva Cancela Muras no seu pequeno estudio diante do Santa Rita; e da mestra de vida María Victoria Moreno no Quinto, un dos institutos nos que as fillas das obreiras da contorna eramos maioría e tivemos ocasión de empoderarnos e saber que non eramos menos ca ninguén por moito que non nos puxeramos de longo ou veranearamos en Sanxenxo.
Paréceme unha obriga de todas manter viva e florecente a vida presente e a memoria das aldeas e parroquias, porque facemos tamén concello e, sobre todo, porque nelas mantemos (por imprescindible) o lume do comunal.
Descargar