Sara María Abal Filgueira

Natural da parroquia de San Vicente de Cerponzóns e historiadora da arte especializada na rama da museoloxía. Neste momento traballa no Museo da Catedral de Santiago facendo visitas guiadas a diferentes espazos como os tellados ou o Pórtico da Gloria.

Cando penso en Pontevedra querendo relacionala coa Historia da Arte, o primeiro recordo que me vén á cabeza é a primeira vez que fun ao museo. Levárannos de excursión co colexio, e se de por si o feito de saír do recinto escolar era emocionante, ese día foi o dobre de especial. Lémbrome de quedar abraiada coa colección de arqueoloxía, pero o que sen dúbida me deixou sen palabras foi a recreación da cámara da fragata Numancia. Anos despois, xa na adolescencia, visitei o Sexto Edificio e, unha vez máis, saín de alí impresionada. Ter tan preto da casa obras de artistas de renome internacional como Rodin, Picasso, Sorolla ou Chillida, por non falar das salas dedicadas a Castelao, é un luxo que moi poucas cidades teñen, e do que Pontevedra pode estar moi orgullosa. De feito eu mesma, como pontevedresa, sempre que podo ensínolles estes tesouros á xente de fóra, porque non está ben ser demasiado vaidosa, pero si presumir de vez en cando.

Biografía de Sara María Abal Filgueira

Descargar

Biografías Relacionadas