Neste momento estás a ver Á conquista do espazo público
Inauguración do mural Mulleres de Pontevedra na historia

Á conquista do espazo público

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios
Foto de estudo de Josefina Arruti
Foto de estudo de Josefina Arruti.

O espazo público ten un valor fundamental como lugar de reunión social e convivencia colectiva, un espazo do que as mulleres estiveron relegadas ao longo da historia. Prazas, rúas e edificios teñen unha denominación maioritariamente masculina, así como tamén a presenza das mulleres é anecdótica na sinalética urbana e nas homenaxes escultóricas.

Dolores Trabado
Dolores Trabado.

Esta exclusión das mulleres do espazo público promove a súa invisibilidade mais o estudo realizado nos últimos anos sobre a historia das mulleres de Pontevedra permítenos dar a coñecer a figura de mulleres como Josefina Arruti ou Dolores Trabado, que xa forman parte do espazo público da cidade.

Mais estas non son as únicas mulleres que podemos atopar polas rúas de Pontevedra, senón que se levan a cabo diferentes accións de recoñecemento para situar ás mulleres nos emprazamentos públicos e avanzar no camiño da visibilidade e do empoderamento feminino.

Hoxe en día é posible camiñar polas rúas Virxinia Pereira, Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, ou polas avenidas Josefina Arruti e María Victoria Moreno; tamén se pode pasear polo parque Amalia Álvarez; mais aínda quedan moitos nomes enriba da mesa por seren obxecto de recoñecemento, mulleres que, pouco a pouco, van gañando espazo na cidade, tal como se acordou no Pleno do concello de Pontevedra do mes de xullo de 2015.

pontevedra letrero calle maria victoria moreno
Letreiro da Avenida María Victoria Moreno.

As accións de recoñecemento non só buscan empregar nomes de mulleres para a denominación de vías urbanas, prazas, parques e edificios públicos, senón que tamén avanzan seguindo outras liñas de traballo que destaquen o labor individual e colectivo das mulleres na historia. Isto faise mediante elementos conmemorativos como os paneis, dos que son bo exemplo os que versan sobre a represión en Salcedo, en Lérez ou en Mourente. Outros paneis informativos que atopamos polas rúas de Pontevedra son os da escritora María Victoria Moreno e da represaliada Josefina Arruti, dúas mulleres fundamentais para a historia pontevedresa.

Panel en Salcedo
Panel en Salcedo

A arte na rúa é outro dos medios que se utiliza na cidade para dar visibilidade ás mulleres, así o fai Yoseba MP, que retrata a Dolores Calviño -a Señora Lola- nas inmediacións do Estadio Municipal de Pasarón. Tania Solla deixa a súa pegada pictórica en Pontevedra cun mural sobre María Victoria Moreno, situado na rúa Eduardo Pondal, preto de onde vivía a escritora. Tamén o colectivo Cestola na Cachola fai unha homenaxe ás mulleres co seu mural circular feito no Pombal das Palmeiras, onde o río Lérez e a figura da muller actúan como protagonistas. A última pintura mural realizada na cidade acóllese baixo o título Mulleres de Pontevedra na Historia, unha obra onde aparecen representadas 23 mulleres pontevedresas baixo unha intención didáctica, de modo que esta peza sirva de ferramenta para a divulgación dunha parte descoñecida da historia de Pontevedra. Podes achegarte a esta peza de forma física na rúa Poza dos Canos ou facer unha visita virtual con nós para coñecer a súa identidade.

 

Os roteiros urbanos son outra maneira de incluír a historia e a memoria das mulleres no espazo público e axúdannos a ser conscientes do seu papel en cada época e en cada espazo, de maneira que as pontevedresas cobran vida para pasear con nós e guiarnos pola cidade. O primeiro percorrido que atopamos é o Roteiro sobre as mulleres represaliadas de Pontevedra que nos leva pola memoria das mulleres na época franquista, a través de 10 paradas que nos falan de represión, resistencia e solidariedade. O Roteiro Mulleres en San Amaro. Percorrido feminino polo cemiterio municipal guíanos polo cemiterio para falar e poñer en valor ás mulleres soterradas na cidade e ao labor que desempeñaron ao longo da súa vida. De querermos coñecer a historia da cidade desde unha perspectiva feminista acudimos ao Roteiro Pontevedra en feminino, que parte da praza da Ferraría. E, por último, temos o Roteiro da Moureira. O río, o mar e as mulleres, que se centra na historia de esplendor e decadencia deste barrio mariñeiro e nos principais oficios das súas mulleres.

Tamén se realizaron publicacións, conferencias, exposicións, etc. para difundir a memoria das mulleres pontevedresas, todas elas con moi boa acollida, onde cómpre destacar as actividades pedagóxicas realizadas nos centros educativos.

Estas accións de recoñecemento espállanse por diferentes puntos da cidade, deixándonos un espazo público cheo de mulleres, que agardamos siga medrando día a día e que podes visualizar a través deste mapa.

Deixa unha resposta