Na Memoria das Mulleres abrimos un espazo de diálogo entre mulleres de distintas xeracións que comparten oficio. Froito dese encontro nacen tres pezas audiovisuais, que baixo o nome Herdeiras, recollen as conversas entre mulleres xubiladas e en activo nun mesmo campo laboral para tecer o discurso do cambio e o recoñecemento.
Hoxe presentamos o primeiro dos vídeos, “Herdeiras. Na fábrica e no sindicato”. As súas protagonistas son Manola Novoa, ex-traballadora da Pontesa e sindicalista e Sandra Collazo, traballadora do sector da automoción en Trèves Galiza e membro do comité de empresa pola CIG. O seu diálogo flúe entre a memoria dos primeiros anos nos seus postos, a presenza das mulleres nos seus sectores e as reivindicacións obreiras. As seguintes pezas abordarán os traballos na costura e o marisqueo.