- Biografía
- Audios
- Videos
Josefina Arruti Viaño era a muller do primeiro alcalde republicano de Pontevedra, Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Afastado da alcaldía durante o bienio negro, foi restituído tras as eleccións estatais que, en febreiro de 1936, déronlle a vitoria á Fronte Popular. Militante de Izquierda Republicana, Bibiano foi nomeado entón Subsecretario de Gobernación e marcharon a vivir a Madrid. Pero, nos primeiros días de xullo, Josefina regresou a Galiza para pasar as vacacións de verán coas crianzas: José Ángel, de 6 anos; Carmiña, de 4; e Manuel, que aínda non cumprira 2.
O golpe de Estado separa a familia. A Josefina cóllea nunha Pontevedra axiña dominada polos golpistas, que como non poden deter a Bibiano, protexido pola República en Madrid, lévana presa a ela e, sen sometela a ningún tipo de xuízo, mantéñena dezaoito meses no cárcere da Audiencia. Cando sae, decretan arresto domiciliario para toda a familia, quedándolle totalmente prohibido saír da casa. As criaturas pasan así oito meses e ela ata a fin da guerra en España. Bibiano intenta en dúas ocasións reagrupar a familia pero non o logra e acaba casando con outra muller, coa que ten un fillo, no exilio mexicano. Cando chega a democracia viaxa a Galiza pero xa non se reúne con Josefina.
A pesar do cárcere, e da condena aínda maior que supuxo para ela pasar de ser a muller do alcalde e presidente da Deputación, a ser insultada pola rúa ao berro de “roja”, Josefina foi unha muller solidaria que no tempo do medo abriu o panteón familiar para dar acubillo a ducias de restos de represaliados.
Autora: Montse Fajardo
Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.
Descargar