Neste momento estás a ver A memoria das mulleres recala en Tik Tok coa ‘teima’ de chegar á mocidade
Xaquín Moreda na presentación dos vídeos de TikTok

A memoria das mulleres recala en Tik Tok coa ‘teima’ de chegar á mocidade

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa, publicarán un total de 8 vídeos ata final de ano, ofrecendo a súa particular visión sobre a loita antifascista de diversas mulleres pontevedresas

Virxina Pereira e a rúa que se lle vén de dedicar na cidade protagoniza a primeira das pezas da man da retranca e do humor de Laura Franco

Tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco (@laurafranco111), Leti da Taberna (@letidataberna_) e María Rúa (@pradoura), están colaborando co programa A memoria das mulleres para achegar a loita antifascista das mulleres pontevedresas ao público máis
mozo. A iniciativa foi presentada esta mañá polo concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, acompañado telematicamente por Laura Franco e Leti da Taberna, quen anunciou que se publicarán un total de 8 vídeos nesta plataforma até final de ano, enmarcados na “teima de achegar o programa ás xeracións máis novas”.

Xaquín Moreda asegurou que a filosofía desta idea é utilizar unha aplicación “que está triunfando entre a rapazada para fomentar a memoria con perspectiva de xénero, utilizando unha linguaxe que poida resultar atractiva para esa franxa de idade”.

O concelleiro explicou que no contexto actual, co avance de posturas ideolóxicas incompatibles coa democracia, se fai necesario “formar á nosa mocidade en valores dignos dun estado de dereito e facela coñecedora da nosa historia máis recente, para garantir que non volva repetirse”. Tamén indicou que na escolla das tres tiktokers se tivo en conta “a súa aposta pola lingua galega e o feminismo, a retranca e a contundencia na defensa deses mesmos valores antifascistas que perseguimos desde A memoria das mulleres”.

Pola súa banda, tanto Leti da Taberna como Laura Franco coincidiron en sinalar a importancia de introducir a Memoria Histórica como temática na plataforma TikTok e aseguraron que ao traballar sobre as mulleres que cada unha elixiu se deron conta de que a maior parte da información lles resultaba descoñecida. Laura Franco, que vén de publicar o primeiro vídeo da serie, sobre Virxinia Pereira, asegurou que “se eu que son una muller centrada nestes temas descoñecía parte da identidade de Virxinia, non me quero nin imaxinar o que saberá a rapazada de agora, non debe ter nin idea de quen era”. Na mesma liña, Leti da Taberna cualificou esta iniciativa como “moi interesante e didáctica, primeiro para min e despois para o resto”. Tamén salientou que “TikTok agora mesmo é unha plataforma moi boa para chegar a un público novo e, ademais, cada vez amplíase o tipo de público porque é unha aplicación que está medrando e se está utilizando como ferramenta para introducir diversos tipos de temáticas”.

Virxinia Pereira vista por Laura Franco

A ollada de Laura Franco sobre Virxinia Pereira e a rúa que vén de dedicarlle o Concello na cidade protagoniza o primeiro dos vídeos. Así, botando man da retranca e do humor explica por que “a muller de Castelao” é merecedora dunha rúa ao tempo que xoga co estereotipo “ser muller de”. A propia tiktoker confesou que “tiven discusións persoais con xente que cre que lle puxeron unha rúa por se a muller de Castelao e a min é que me crispa, non o acabo de entender, unha muller non nace só para casarse cun home”. Asegurou que, tras coñecer toda a loita de Virxinia contra o fascismo “entendín porqué hai que dedicarlle unha rúa e entendín que a xente que vén detrás de min tamén ten que sabelo, e non comprendo que non se comprenda”.

Para a elaboración destas pezas, desde o programa A memoria das mulleres proporcionóuselles información sobre o propio programa e a partires desa base foron as propias tiktokers as que escolleron as temáticas e biografías coas que decidiron traballar nas súas creacións. Neste sentido, Xaquín Moreda agradeceulles a súa “boa dispoñibilidade e a acollida que lle deron ao programa, porque se implicaron desde o primeiro momento e convertéronse en cómplices convencidas”.

https://www.tiktok.com/@laurafranco111/video/6956479914560277766?lang=pt-BR&amp%3Bis_copy_url=0&amp%3Bis_from_webapp=v1&amp%3Bsender_device=pc&amp%3Bsender_web_id=6981361286648251909&is_copy_url=0&is_from_webapp=v1&sender_device=pc&sender_web_id=7041518549710849541

@pradorua

As rúas son de todas! #AMemoriadasMulleres #DoGrisAoVioleta #ConcellodePontevedra Canción “Figa” das @tanxugueiras 💜

♬ sonido original – pradorua

@pradorua

O mar tamén é traballo de mulleres #AMemoriaDasMulleres #DoGrisAoVioleta #ConcellodePontevedra Canción: “Fastío” do Rabelo x ST x Petrowski

♬ sonido original – Maria Rua Rodriguez

@laurafranco111

Oli neniiiiis! Qué opinades desto? 😱❤️

♬ sonido original – Laura Franco

 

Deixa unha resposta