Obradoiros de rap, representacións teatrais e conferencias sobre a represión e o exilio volven aos centros de educación secundaria para promover a reflexión entre o alumnado sobre a historia da cidade desde a perspectiva de xénero.
A partires deste luns 26 de abril, comezarán a ter lugar nos centros de educación secundaria que o solicitaron, as sesións das actividades do catálogo que oferta o programa ‘A memoria das mulleres’, da Concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica que xestiona Xaquín Moreda. Ao igual que en cursos anteriores o obxectivo destas actividades é espertar o interese pola memoria da cidade e promover a reflexión entre o alumnado sobre a historia pontevedresa desde a perspectiva de xénero.
Neste curso, foron solicitadas un total de 19 sesións, das que 5 corresponden ao obradoiro de rap, 5 sesións á representación de teatro con historia, e 9 corresponden a diversas conferencias sobre o exilio e a represión.
Convén lembrar que o obradoiro de rap sobre memoria histórica foi unha das actividades incluídas neste catálogo o pasado ano co obxectivo de transmitir ao alumando, a través dun estilo musical contemporáneo, o sucedido en xullo de 1936 e tamén sobre a importancia da linguaxe na transmisión da memoria. Este obradoiro é impartido polo pedagogo e coñecido músico galego García Mc e ten unha duración de 90 minutos.
Teatro con historia é unha representación a cargo da Aula municipal de Teatro que ofrece ao alumnado, a través de catro escenas curtas dunha duración total de aproximadamente media hora, unha achega ao cambio que provocou no ensino o golpe de Estado de 1936 e a posterior ditadura franquista, así como á biografía das dúas pontevedresas fusiladas polos golpistas: Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro.
A programación tamén inclúe catro conferencias: “Mulleres pioneiras, heterodoxas e rebeldes”, na que María Xesús López Escudeiro fai un percorrido pola historia da cidade en feminino; “A represión franquista contra as mulleres” na que Montse Fajardo Pérez fala da represión sufrida polas mulleres tras o golpe de Estado de 1936, a través de nomes, biografías e imaxes de pontevedresas que sufriron cárcere, vexacións sexistas, depuración, exilio ou mesmo asasinato; “A Pontevedra exiliada” na que Montse Fajardo se centra nas persoas e familias de Pontevedra que se viron obrigadas a exiliarse, mais tamén nos proxectos, nomeadamente educativos, que a cidade perdeu e que agromaron nas cidades de destino; e “As familias do 12 de novembro” tamén a cargo de Montse Fajardo Pérez e que aborda o estudo da represión franquista na cidade a través da historia dos dez republicanos asasinados na Caeira o 12 de novembro por liderar a defensa da cidade contra o golpe de Estado.