Neste momento estás a ver A Memoria das Mulleres amplía a súa oferta para os centros de ensino
Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico

A Memoria das Mulleres amplía a súa oferta para os centros de ensino

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, presentou este venres unha nova proposta de actividades que se enmarcan dentro do programa A Memoria das Mulleres dirixida aos centros de ensino. Segundo explicou, o obxectivo desta acción é “espertar o interese da memoria da cidade na xente nova”. Con esta nova oferta preténdese darlle continuidade a un proceso iniciado xa en curso anteriores, ampliando a oferta.

Os centros de ensino interesados en participar deben solicitar a reserva no enderezo electrónico: patrimoniocultural@pontevedra.es

A proposta inclúe obradoiros, teatro, documentais, roteiros e conferencias, todas elas gratuítas.

Conferencias:

  • Mulleres pioneiras, heterodoxas e rebeldes. A profesora María Xesús López Escudeiro fai un percorrido pola historia da cidade en feminino, centrando a atención naqueles mulleres que abriron camiño nun mundo de homes ou que elixiron vivir de xeito diferente.
  • A represión franquista contra as mulleres. A xornalista Montse Fajardo analiza a represión sufrida polas mulleres despois do golpe de Estado de 1936 a través de nomes, biografías e imaxes de pontevedresas que foron vítimas da barbarie fascista e tamén daquelas mulleres que resistiron e foron solidarias no peor dos tempos.
  • As familias do 12 de novembro. Da man da xornalista Montse Fajardo abórdase o estudo da represión franquista na cidade a través da historia dos dez republicanos asasinados na Caeira o 12 de novembro por lideraren a defensa da cidade contra o golpe de Estado e través do relato das familias, símbolo da memoria en Pontevedra.

Estas conferencias están previstas para teren unha duración de 50 minutos.

Aulas nas rúas:

  • Roteiros. Ofértanse dous roteiros posibles. Un deles guiado por María Xesús López Escudeiro, quen fai un percorrido co alumnado por aqueles lugares da cidade relacionados coa historia das mulleres, pioneiras e traballadoras. O outro está guiado por Montse Fajardo e fai un percorrido polos lugares relacionados coa resistencia ao golpe e coa represión desatada na cidade a partir de xullo de 1936. Cada un dos roteiros ten unha duración aproximada de hora e media e deben solicitarse por separado.
  • O mural “Do gris ao violeta”. A rúa Poza dos Canos acolle desde o verán de 2019 o mural ‘Mulleres de Pontevedra na historia’, que percorre graficamente a achega feminina á historia da cidade. Con esta actividade proponse que o alumnado investigue sobre a biografía dalgunha das mulleres representadas no mural e que nunha visita posterior ao mural se faga a presentación para o grupo de biografía escollida, de forma que os compañeiros e compañeiras intenten adiviñar de quen se trata.

Documentais:

  • Matriarcas. Este documental, realizado por Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial -alumnas de bacharelato-, aborda en 26 minutos de duración a represión franquista con perspectiva de xénero a través dos testemuños de familiares vítimas da represión, e especialmente centrado “nas que quedaron”: familiares de asasinados, refuxiados e presos obrigadas durante décadas a convivir cos opresores.
  • A memoria neta. Netas e netos de persoas represaliadas na cidade falan neste documental elaborado polo equipo de A memoria das mulleres sobre a transmisión do relato e das consecuencias destes feitos sobre as xeracións posteriores. Este documental ten unha duración aproximada de 45 minutos.

Teatro con historia:

  • A memoria das mulleres contada a través de pequenas pezas teatrais (de aproximadamente media hora) nas que tres actrices rememoran escenas de represión. A partir da representación facilitaríase un coloquio do alumnado con algunha das persoas do programa, cuxa finalidade sería a de contextualizar as pezas e resolver posibles preguntas. Esta actividades estará dispoñible a partir do mes de abril.

Obradoiros:

  • Obradoiro de rap sobre memoria histórica. A música como ferramenta para reflexionar sobre o ocorrido no ano 1936 e a posteriori e tamén sobre a importancia da linguaxe na transmisión da memoria é a proposta deste obradoiro impartido por García MC, músico de rap e pedagogo independente. A actividade ofértase para grupos non superiores a 30 persoas, terá unha duración de 1 hora e 45 minutos e está pensada para alumnado de máis de 13 anos de idade.
  • Recollemos a nosa memoria. MAOS Innvación Social imparte este obradoiro deseñado en dúas sesións de 50 minutos cada unha, das cales a segunda sería opcional. Na primeira das sesións traballarase co alumnado no coñecemento e posta en práctica das técnicas etnográficas, a través dunha metodoloxía adaptada ás súas necesidades. Cada alumno e alumna escolle unha temática sobre a que traballar relacionada con A Memoria das Mulleres e sobre a que vai realizar as entrevistas. A segunda das sesións estaría dedicada ao tratamento do material unha vez realizadas as entrevistas. Esta sesión, como se indicaba, pode ser opcional e podería ser asumida tamén polo profesorado se así o quixese.

Para todas estas actividades o profesorado conta co apoio do equipo da Memoria das Mulleres.

Ademais, o programa A Memoria das Mulleres ten á disposición do profesorado que queira abordar esta temática nas aulas a web www.dogrisaovioleta.gal e a exposición itinerante Do gris ao violeta que, a través de doce paneis (seis paneis dobres), fai un repaso pola historia das mulleres con perspectiva local.

Deixa unha resposta