O roteiro teatralizado Rúas con Memoria dá a coñecer a represión sufrida polas pontevedresas

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

As rúas de Pontevedra enchéronse de memoria o pasado domingo 31 de marzo a través do roteiro teatralizado Rúas con Memoria, cuxo obxectivo foi dar a coñecer a represión sufrida polas pontevedresas tras o golpe de Estado do 36. A andaina quixo sacar á luz o nome e a biografía dalgunhas das mulleres de Pontevedra que sufriron a represión franquista, mais coa pretensión de homenaxear a todas as que o programa A Memoria das Mulleres rescatou do esquecemento e tamén a aquelas que aínda fican na escuridade da historia.

O roteiro centrouse nas principais formas que adoptou a represión franquista sobre as mulleres: falou das asasinadas, das presas, das que sufriron castigos sexistas e, sobre todo, das que quedaron, das mulleres que se viron obrigadas a seguir adiante convivindo cos represores, cos seus abusos, cos seus espolios e coa súa historia tinxida de odio, e a pesar diso resistiron, sacaron adiante as súas familias e teceron importantes redes de solidariedade.

A través de catro pezas teatrais puxéronse en escena os lugares onde ocorreron os feitos relatados, representados nos escenarios onde ocorreron, para concienciar de que foi a nosa veciñanza, as xeracións que precederon ás familias coas que convivimos, a que sufriu o terror deste tempo que, porque nunca debeu ser, non podemos esquecer.

O roteiro foi dirixido por Anxo Lourido, con guión de Montse Fajardo e representado pola Aula de Teatro de Pontevedra, e desenvolveuse en catro escenarios:

PARADA 1.- DIANTE DA DEPUTACIÓN
Lugar onde se realizaban os xuízos e onde se condenaron á morte as dúas mulleres fusiladas en Pontevedra: Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña.
PARADA 2.- PARTE TRASEIRA DO EDIFICIO DA ACTUAL AUDIENCIA
Lugar onde estaba o cárcere no que permaneceron retidas ducias de mulleres.
PARADA 3.- PRAZA DA PEREGRINA
Punto no que representaremos algunhas das humillacións que sufriron durante o franquismo as familias republicanas.
PARADA 4: OS SOPORTAIS
Punto de encontro de familias republicanas que teceron redes de solidariedade e apoio mutuo durante todo o franquismo.

Vídeos resumo:

Deixa unha resposta