O xoves 13 de xuño inaugurouse o mural Mulleres de Pontevedra na historia, situado na rúa Poza dos Canos, nas proximidades do parque Amalia.
O evento tivo lugar ás 19.00 horas e contou coa participación da veciñanza e de familiares e persoas achegadas das mulleres protagonistas, ademais de representantes do concello. Con esta proposta artística, deseñada e realizada por Rei Zentolo e Polo Correo do Vento, o programa A Memoria das Mulleres quere recuperar e divulgar a historia das mulleres do concello desde unha perspectiva feminista.
O mural está formado por 23 mulleres con nome e apelidos e outras moitas anónimas que se inclúen nunha relación dos principais oficios desenvolvidos no ámbito local. A intención deste mural, ademais da vertente estética, é servir de ferramenta para o coñecemento da historia da cidade, xa que nace cunha manifesta vontade didáctica e que a xente poida buscar entre os seus 35 metros de largo o debuxo que corresponde a cada nome e así, coñeza mellor a súa biografía.
Vídeo sobre o proceso de creación do mural: