Homenaxe ás mulleres represaliadas durante o franquismo

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Na noite deste venres, o programa A Memoria das Mulleres organizou no Teatro Principal unha homenaxe institucional ás mulleres que sufriron a represión franquista. Un acto que serviu para dignificar ás mulleres asasinadas, rapadas, encarceradas, depuradas, aldraxadas, sinaladas polo seu compromiso político ou polo parentesco a raíz do Golpe de Estado de 1936 e durante a Guerra Civil e os anos do Franquismo.
Un acto necesario, para lembrar que “as mulleres foron vítimas dunha cruenta represión que se prolongou no tempo da Ditadura. Sen dereito ás bágoas, sen dereito á dor, as mulleres conservaron os recordos no interior das casas, no tempo do silencio e do esquecemento”.

E é por iso que se sacaron á luz os nomes de case un cento de mulleres, case un cento de “vidas xenerosas”, tocadas polo terror fascista: Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro, asasinadas; Custodia Gama, Camila Pintos Blanco, Carmen Echevarría, Aurelia Garrido, Olivia Tomé, Asunción Vilas A Vidala ou Encarnación Silva, ás que raparon o cabelo; présas como Enma Mourón, Josefina Arruti, Carmen Abuín, Josefina Blanco ou Asunción Vilas. Tamén mulleres que sufriron castigos económicos e laborais como as mestras Peregrina Martínez Santos, Nieves Adrio Sobrido, Pilar Poza Juncal, as irmás Esclavitud e Serafina Dios (tamén encarceradas), Ernestina Otero, ou as traballadoras do concello Aurora Garrida e Delia Gendra. Mulleres exiladas como Virxinia Pereira, Mercedes Magdalena ou Isabel Gómez Costas. Mulleres que agocharon a perseguidos como Rosa e Oliva Fariña, Eulalia Carro, Maruja Álvarez, ou as irmás Aurora, Nicereta e María Martínez Fernández (As Corseteiras), que tamén foron encarceradas.

Tamén as mulleres que sobreviviron, solidarias e resistentes no tempo do terror, as que conservaron a memoria da dignidade no interior das casas, tamén foron homenaxeadas neste acto de memoria e de xustiza.

Vídeo resumo do acto:

Deixa unha resposta