Éxito de público na inauguración da exposición ‘Do gris ao violeta’

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Na céntrica Praza da Ferrería, un dos lugares de referencia do encontro e o tránsito na cidade, móstranse seus nomes, as súas traxectorias, a súa condición de pioneiras e valentes, a historia que padeceron e o silencio que sepultou as súas biografías.“Esta exposición pretende darlle visibilidade a algunhas delas como homenaxe a todas”, explican na presentación de Do gris ao violeta, iniciativa que forma parte do proxecto “A Memoria das mulleres” do concello de Pontevedra, coordinado por Luís Bará.

A mostra artéllase en seis apartados nos que se homenaxea ás pioneiras, ás traballadoras das que nunca se fala, a represión que o 36 as fixo vítimas ou as artistas que crearon a súa obra ao abeiro da cidade. Dezaseis delas teñen un espazo de destaque,”en representación das miles de biografías perdidas xa para o recordo”.

“Pioneiras, heterodoxas e rebeldes”, “As idades da vida”, “Ciencia e conciencia”, “Represaliadas e resistentes”, “Donas de seu” e “Nomes propios” son os títulos dos distintos paneis que se expoñen na Praza da Ferrería. A memoria colectiva lembra algunhas das biografías expostas, as novas xeracións carece de referencias da maioría delas.

A unha beira da praza, está aínda aberto o establecemento de Almacenes Clarita, e Clara López Santiago, a muller que lle dá nome é unha das biografías que coñecerán as veciñas e veciños para quen o tradicional comercio forma parte da paisaxe da cidade. A empresaria Carmen Durán, viúva de Cándido, a decana das taxistas Dolores Trabado, a vendedora de doces “María a do Carrillo” a quen lle mercou lambetadas calquera que fora nena ou neno en Pontevedra e que hoxe teña máis de corenta anos, a señora Lola de Pasarón, a pandereteira e estraperlista Regina Filgueira Monteagudo, Regina do Batán, Cándida Agulla, Tana, ou as represaliadas Josefina Arruti e Isolina Villaverde son algunhas das veciñas que forman xa parte da historia de Pontevedra.
Pioneiras, heterodoxas e rebeldes están tamén nunha historia até agora cincenta que a exposición torna violeta, a mestra María del Carmen del Valle, a menciñeira Vasquida García, que foi xulgada por bruxería, a masona Amalia Armesto, A marques vermella que era como se coñecía a María Vinyals, á mestra Daría González e a artista Mercedes Ruibal son outras das figuras sorprendentes que deu Pontevedra e que a exposición reivindica pola súa ousadía, a mesma que perseguiu a vontade pioneira de Elisa Patiña y Meléndez, Chichana, a primeira aviadora da cidade.

Un programa amplo para botar luz

“Toda esa memoria vizosa e valente estaba aí, agardando. E agora emerxe poderosa e fecunda en imaxes e documentos que reflicten as caras ocultas, as voces silenciadas, os nomes rotos, os feitos postergados. E tamén os corpos ousados, as mans fortes, as palabras audaces, as mentes lúcidas, creativas, insubmisas”, explica Luís Bará na presentación dunha mostra que ten como obxectivo, nas súas palabras, “cumprir unha arela de coñecemento e recoñecemento, mais sobre todo de Verdade, para que o pano da Historia se ilumine con todas as cores, do gris ao violeta”.

Deixa unha resposta