Roteiro da memoria das mulleres con Chus Escudeiro

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

A Concellaría de Patrimonio Histórico organiza neste mes de novembro diversas actividades de divulgación arredor da historia das mulleres de Pontevedra. A primeira cita foi este sábado 17 de novembro, na que a profesora María Xesús López Escudeiro conduciu unha visita guiada pola cidade para dar a coñecer o protagonismo das mulleres na historia de Pontevedra. O percorrido comezou ás 11 horas na praza da Ferraría e permitiu coñecer os espazos nos que viviron, traballaron, loitaron e soñaron mulleres con nomes e apelidos e outras moitas anónimas.

O roteiro fai un percorrido pola historia e a memoria das mulleres, desde a Idade Media ate o século XX: mulleres da nobreza que foron benefactoras, como Teresa Pérez Fiota (século XV); bruxas como Vasquida García (século XVI), navegantes como Isabel Barreto ou Amalia Armesto son as protagonistas desta viaxe pola historia.

As mulleres das parroquias que viñan vender á cidade, as costureiras ou as leiteiras, as operarias das fábricas, as traballadoras do mar e da conserva teñen o seu espazo neste roteiro que pretende poñer en valor a contribución das clases populares que foron secularmente marxinadas e silenciadas. No percorrido tamén se fixo referencia a mulleres do comercio como Clara López, fundadora de Almacenes Clarita, ou María Luísa Olañeta, María ‘a do Carrillo’.

As pioneiras tamén teñen unha presenza notábel na visita, como a aviadora Chichana Patiño, a fotógrafa Cándida Otero ou a taxista Dolores Trabado. Por último, ocuparon un lugar central as creadoras como Carmen Babiano, Aurora Argibay, Mercedes e Alicia Bará ou María Victoria Moreno; as ensinantes como Ernestina Otero ou Daría González; as deportistas, as impresoras ou mulleres do pensamento e o compromiso feminista como Concepción Arenal ou María Vinyals.

Deixa unha resposta