Pontevedra rescata para a historia a figura da mestra Ernestina Otero

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Fermoso e emotivo foi o acto de homenaxe a Ernestina Otero e sobre todo foi unha demostración do agarimo e do recoñecemento que concita a súa figura. A importancia do seu traballo na educación, os seus proxectos pedagóxicos e sociais postos en práctica e as consecuencias que todo isto tivo na súa vida estiveron presentes nas palabras de Carme Fouces, Manuel Puga Pereira, Aurora Vidal Caramés, Clementina Vidal Caramés e Miguel Anxo Fernández Lores.

“Hoxe Ernestina Otero volta a Pontevedra e faino pola porta grande da historia e da memoria colectiva. Esta homenaxe de hoxe é só un primeiro chanzo dun recoñecemento institucional e social que se irá ampliando con outras propostas, co fin de manter sempre acesa a súa luz de muller excepcional e pedagoga exemplar.

Nestes tempos en que parece que camiñamos para atrás, en que están ameazados dereitos e avances que tanto custou conquistar, precisamos recuperar o exemplo de persoas íntegras coma Ernestina Otero.

Pronunciando o seu nome, expresamos simbolicamente o recoñecemento e a gratitude que merecen todas as que coma ela se entregaron á causa da dignidade, da xustiza, da igualdade, dos dereitos das mulleres; que o fixeron asumindo un grande sacrificio persoal; e que durante moito tempo permaneceron relegadas e silenciadas.

Hoxe, neste acto de homenaxe institucional e cidadá a Ernestina Otero, proclamamos o orgullo de que forme parte da mellor historia da nosa cidade.” (Texto do discurso de Miguel A. Fernández Lores).

«Esta homenaxe teríalle causado á miña avoa unha dobre satisfacción: por celebrarse na súa querida Pontevedra e polo contexto no que se vai desenvolver», explicou Manuel Puga, neto de Ernestina Otero Sestelo, a mestra e directora da antiga Escola Normal de Maxisterio da cidade á que o Concello de Pontevedra quere reivindicar dentro do seu programa A Memoria das Mulleres.

Manuel Puga quixo lembrar non só a figura da súa avoa en concreto, senón tamén o contexto social no que desenvolveu a súa carreira, «onde os mestres eran auténticos misioneiros da educación». Agradeceu o xesto do Concello de Pontevedra e púxoo como exemplo de acto que contribúe «á recuperación da memoria histórica sen xenreira e a cicatrizar as feridas», contrapoñéndoo ás actitudes «daqueles que coa escusa do ‘hai que olvidar’ botan terra sobre todos os represaliados».

Tanto Manuel Puga como Carme Fouces louvaron a significación a prol da igualdade de Ernestina Otero. «Aínda hoxe, polo visto, a idea da menor capacidade das mulleres non está totalmente erradicada», sinalou o neto da mestra. «Ernestina Otero foi unha desas mulleres que edificaron o que non queremos que nos arranquen hoxe», engadiu Fouces. «Seguimos precisando persoas como ela porque o machismo é evidente que segue presente. Ben se viu nesta campaña electoral. Hai que reactivar o compromiso».

Premios

Para cumprir cun dos compromisos do programa A Memoria das Mulleres, o de promocionar a presenza das mulleres no espazo público, é precisamente que o Concello acordou coa Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra poñerlle o nome de Ernestina Otero aos premios que se concederán, este ano por primeira vez, á incorporación da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster do alumnado. «En definitiva, do que se trata é de colocala no sitio que lle corresponde na historia da cidade», rematou Carme Fouces.

A concelleira de Servizos Sociais será así mesmo unha das protagonistas da homenaxe pública a Ernestina Otero que terá lugar o xoves 29 de maio no Paseo de Montero Ríos. Tamén participarán o neto da profesora e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, así como as escritoras Aurora e Clementina Vidal Caramés.

Ao día seguinte comezará na Casa das Campás o II Simposio A Memoria das Mullres, que terá como lema ‘A escola represaliada e resistente’ e no que participarán Anxo S. Porto Ucha, Xosé Álvarez Castro e Carlos Velasco Souto, entre outros, con ponencias sobre a escola represaliada na comarca e na provincia de Pontevedra ou mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid.

Tríptico sobre Ernestina Otero

Deixa unha resposta