As mulleres de Salcedo contra a invasión do exército

As mulleres das parroquias de Salcedo pelexaron con valentía co firme propósito de recuperar os seus lexítimos dereitos sobre o monte comunal da parroquia, primeiro contra a ocupación deste monte por parte da Deputación, que o transformou para usos de explotación madeireira (principalmente piñeiro, eucalipto e mimosa), e despois contra a ocupación do Ministerio de Defensa e do exército. Sabedoras da importancia do monte para a comunidade e sabedoras das inxustizas que a administración cometía ao se facer dona dun recurso que lles era propio, defenderon e reclamaron cando foi necesario o que era de todas.

A chegada e apropiación por parte dos militares do monte comunal de Salcedo é anterior á presenza da base militar da Brilat e xa durante a época do franquismo instalouse nesta zona un cárcere destinado aos prisioneiros da guerra. Posteriormente, unha vez pechado o cárcere, a administración seguiu a facer uso deste espazo e aquí eran destinados militares que viñan para facer a instrución.

No entanto, coa chegada da Brilat o conflito foi gañando en intensidade ao negarlle o acceso á veciñanza ao seu monte comunal, que restrinxiran como de uso exclusivo para o exército. As ameazas á veciñanza da parroquia foron en aumento, con casos de agresións por, simplemente, pasar por unha propiedade que era común:

“Pois eu voute a dicer que un día iba a dar eu unha volta polo monte, a dar un paseo, e resulta que viña unha patrulla de militares e me deron o alto, que non podía pasar. Entonces eu dícenlle: “por onde vou pasar? Eu teño que ir para miña casa que se me vai a facer de noite e non podo, non teño por onde ir”. […] Entonces vai unha fulana, que estaba metida no coche, saliu e me empuxou e caí. Dixeron que iban a chamar a Guardia Civil: “Bueno, entonces vamos a chamar a Guardia Civil”. E dixen: “bueno, pois chama. Eu tamén chamo unha ambulancia”, díxenlle eu. […] Resulta que foi que eu chamei despois ao presidente da Comunidade de Montes […] e fui a onda el e entonces el veu e dixo: “Bueno, Isabel, hai que denunciar”. Fomos á policía e da policía fun a Montecelo; déronme un parte, que me doía muito a espalda e tal. E coa misma, houbo un juício; eu ganei o juízo. E xa digo, daquela había muita polémica; non deixaban nin siquera nin salir das portas, nada, nada, nada. Había que pedir un pase para ir ao toxo ou… pa todo”. [I.T.C.; Salcedo].

Posteriormente, cando no ano 2008 se emite por parte do Ministerio de Defensa unha orde que declara a existencia dunha franxa de seguridade que inclúe vivendas particulares como integradas no perímetro de custodia do exército, a veciñanza de Salcedo ve como as súas propiedades e casas quedan tamén supeditadas aos ditames deste ministerio, ao que deben comunicar calquera incidencia, modificación ou solicitude de permiso de obra, etc.

A veciñanza, como contrapartida, organizáse para lle dar resposta a estes abusos e mostrar o seu rexeitamento a unha situación que lles veu imposta. Convocáronse manifestacións, concentracións, chamamentos aos medios… houbo que facerlle fronte aos insultos, á chulería con que algúns desprezaban as súas reivindicacións, ás multas e mesmo ás agresións.

Paralelamente a estas accións, desenvolvéronse outras estratexias coas que facer presión sobre unha administración allea á problemática. Así pois, presentáronse reclamacións tanto por vía administrativa e como legal que, amparadas pola reivindicación da veciñanza, deron lugar ao inicio de conversas para determinar as condicións da devolución dun terreo usurpado á parroquia.

Despois de longas e tensas negociacións, a veciñanza e o tecido social da parroquia conseguiron recuperar o monte que lles pertencía e non só:

“Agora eles pagan un alquiler. Teñen un alquiler e pagan… Hai que dar cartos. E todo vai po monte eh! Pa limpialo, pos árboles, todo po monte; pa plantío, pa de todo; todo vai po monte, todo vai po monte. Iban dous homes case diarios, no monte, coas máquinas. Case diario porque… porque eu hasta alá hasta o Campo do tiro vou case todos os días. Pero…”. [A.S.P.; Salcedo].

A confianza, a persistencia, a convicción na crenza dos dereitos das veciñas e dos veciños levou a estas mulleres de Salcedo a seren protagonistas dunha historia de loita e recuperación dos dereitos comúns e contra as aldraxes de quen quer impor de forma autoritaria a súa vontade.

 

Autoría: MAOS Innovación Social

Este texto é un resumo, pódese descargar o texto completo en: As mulleres de Salcedo contra a invasión do exército

Nova sobre as protestas contra a Brilat
Protesta veciñal contra a Brilat. Nova no Faro de Vigo, en xuño de 2009.

Videos