Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, no rueiro de Tafisa

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

A Comisión de Cultura aproba por maioría poñer estes nomes ás novas rúas do polígono de Tafisa, e María Vinyals á zona verde diante da Xunta de Galicia.

A Comisión de Cultura aprobou hoxe por maioría a proposta da presidencia da Comisión o nomeamento de tres novas rúas no polígono de Tafisa e da zona verde situada fronte ao edificio da Xunta de Galicia, con nomes de mulleres. As homenaxeadas serán Ernestina Otero Sestelo, Dolores Trabado, Vasquida García e María Vinyals.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces explicou esta mañá ao remate da Comisión que existe un acordo plenario de xullo de 2015 de manter a galeguización e toponimia das novas rúas do Concello, pero incorporando a feminización no rueiro.

Seguindo esta directriz, e tendo en conta que xa era necesario darlle nome ás novas rúas de Tafisa porque xa existe unha licenza de construción dos dous primeiros edificios, a concelleira levou á Comisión a propostas destes catro nomes, incluídos no acordo municipal do ano 2015 que recollía 30 nomes (a posteriori se incorporaron 3 máis do grupo Marea), e que pode ser susceptible de ampliarse, segundo explicou Carmen Fouces.

A rúa principal levará o nome de Ernestina Otero Sestelo. Une José Malvar, coa que será futura conexión de Monte Porreiro polos Campos, e daralle nome á rúa na que -tamén no futuro- se construirá a facultade das Belas Artes.

Outras rúas serán Dolores Trabado, a primeira muller taxista do Estado; e Vasquida García, unha menciñeira queimada nos Séculos Escuros.

O xardín diante da Xunta de Galicia recibirá o nome de María Vinyals.

Quedaría pendente de nomear unha cuarta rúa no polígono de Tafisa que poderá incorporarse na vindeira comisión de Cultura, seguindo as suxestións dos grupos municipais que hoxe xa se posicionaron sobre esta proposta. C,s, BNG e PSOE votaron a favor; e PP e Marea, abstivéronse.

A intención da Concellaría de Cultura é organizar unha homenaxe pública da Corporación a estas mulleres no mes de marzo.

Deixa unha resposta