Presentación do mural de Kiko da Silva sobre a Pontevedra sindicalista, obreira e agrarista e as súas vítimas silenciadas

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Hoxe estivemos no exterior da Casa da Luz para amosar as familias o espectacular mural elaborado por Kiko da Silva -coa colaboración de Miriam Iglesias e Alberto Cardona- durante o acto de homenaxe á Pontevedra obreira que tivo lugar o pasado 30 de novembro.

Neste espectacular traballo aparecen reflectidos os nomes de mulleres e homes que sufriron a represión na súa propia pel, persoas que foron rapadas, encarceradas, torturadas, que sufriron vexacións varias, que foron fusiladas ou que mesmo foron asasinadas pero nunca se atopou o seu corpo.

O mural será instalado no vestíbulo do Concello de Pontevedra para continuar facendo memoria e honrar así a todas as veciñas e veciños loitaron para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Aproveitamos o acto para agasallar ás familias cunha gravación do acto, cunha recompilación das imaxes tomadas ese día e cunha fermosa tarxeta do mural que recolle na súa traseira unha frase de María Lores, neta de Aurelio Torres e Isolina Villaverde (Mourente). “A memoria é o ben máis prezado que temos. Sen memoria non somos nada. Cada un de nós é o que é pola historia que ten detrás. Se esquecemos, perdemos parte da nosa vida e non sabemos quen somos. Ter memoria é un acto de vontade. Temos memoria porque queremos tela. Temos dereito e sobre todo temos a obriga de non esquecer”.

Esta película fará que quede sempre no seu recordo o acto de xustiza que se fixo coas súas familias e permitirá que familiares, amigos e futuras xeracións poidan ter presente o seu sufrimento, a súa dor e a de outras familias que tamén foron represaliadas durante o alzamento do 36 e tempo que veu.

Conferencia

Estes días, a exposición ‘Do gris ao violeta’ pode verse no CPI do Toural, en Vilaboa. Mañá martes, ás 9.45 horas, as nenas e nenos dos últimos cursos de primaria asistirán a unha conferencia da xornalista e escritora Montse Fajardo, que lles falará sobre a represión que sufriron as persoas durante o alzamento de 1936 e os anos posteriores.

Deixa unha resposta