A Pontevedra sindicalista, obreira e agrarista e as súas vítimas silenciadas foron homenaxeadas no Teatro Principal

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

A cruenta represión que desde os últimos días de xullo do 36 se viviu en Pontevedra tivo no punto de mira, como pasou no resto de Galiza e do Estado, a dirixentes sindicais e políticos así como a ducias de persoas afiliadas a ambos movementos. O asasinato, o cárcere, o agocho que padeceron agravou ata a extenuación esa situación de miseria nas súas familias, unha miseria á que precisamente intentaban por fin. Mais a pesar do tempo que pasou desde o levantamento reaccionario e o retorno da democracia, o sacrificio daqueles defensores da II República mantense en boa medida no esquecemento.

Esa é a razón desta homenaxe: rescatar algúns dos nomes, das ideas, dos rostros desas persoas de perfil menos coñecido que compartiron a loita por unha Pontevedra máis xusta con outras máis recordadas no tempo, como Alexandre Bóveda, os Zbarsky ou os mártires do 12 de novembro. Nunca estarán todas, pero coma sempre agardamos que a lembranza individual sirva como recoñecemento e homenaxe colectiva a cada unha delas e ás súas familias. No acto haberá música, lectura de biografías, proxección de imaxes e grafites para recordar e sacar do silencio as historias non contadas.

Para este acto, elaborouse unha publicación na que se conta a historia de dez familias represaliadas de Pontevedra, detallando como foron as aldraxes que sufriron e como tiveron que sair adiante os familiares que quedaron: as viúvas, as fillas e fillos, as nais… Aquí vai unha escolma delas:

A familia Gama

Os irmáns Gama Casalderrey eran un referente na loita polos dereitos dos traballadores e son tamén unha referencia ineludíbel á hora de falar de represión. Cinco dos seis irmáns, tres homes e as dúas mulleres, sufriron as consecuencias do golpe. Ademais, os Gama foron sometidos a duras multas económicas e as súas propiedades, incluídos dous ultramarinos, fóronlle incautadas.

A familia Méndez

Emilio Méndez estivo tras o golpe fuxido no monte con dous dos seus curmáns, Emilio Peón Méndez e Manuel Méndez Acuña. Ademais do seu sogro, José Gallego, foron asasinados polos fascistas o seu curmán, Manuel Méndez Acuña e o seu tío Manuel Méndez Montes.

A familia Gómez Lodeiro

Gómez Corbacho era un coñecido activista de esquerdas que foi tiroteado cando saíu do alboio incendiado polos fascitas en Salcedo. A súa muller, Elvira Lodeiro González, tamén foi condenada a morte no consello do día seguinte, pero dixo que estaba embarazada e conseguiu un aprazamento. Foi fusilada o 19 de decembro deixando dúas nenas orfas: Pilar de cinco anos e Manolita de tres. A maior foi criada por unha tía na Arxentina e a pequena pola familia de Mauro Caballero en Vigo. As irmáns nunca máis se volveron ver.

Familia Sánchez Casalderrey

Albino Sánchez, veciño de Lérez de 28 anos de idade, tamén foi fusilado o 17 de abril de 1937. A súa familia di que tras meses fuxido decidiu entregarse confiado nas promesas de salvación do párroco, Leandro del Río. Albino tivera dous fillos coa súa compañeira, Carmen Casalderrey, que tras enviuvar no mesmo día que casara, dedicouse ao estraperlo con Portugal.

Familia Tomé Loureiro

Da familia ‘das Ranghas’, a formada por Laureano Tomé e Aurora Loureiro, son detidos en Pontevedra Aurora e catro dos seus dez fillos: Severino, Pepe, Mercedes e América, con idades comprendidas entre os 23 e os 17 anos, existindo unicamente constancia da militancia de Severino. En setembro foi apresada outra das filla, Olivia, de 24 anos. Rapárona e tatuáronlle na fronte as siglas UHP, por eludir o paso da comitiva fúnebre dun falanxista ao seu paso pola Peregrina.

Deixa unha resposta