Exporase unha mostra de materiais do programa
O proxecto municipal A Memoria das Mulleres participa hoxe na Feira Feminista Laborando, que se celebra entre as 10:00 as 22:00 horas no Mercado de San Agustín da Coruña. O grupo de Experiencias Feministas na Pardo Bazán ideou unha feira de iniciativas e proxectos persoais, laborais e sociais para colectivos, organizacións e persoas individuais que traballan desde a perspectiva feminista, de igualdade e contra as violencias machistas.
O proxecto A Memoria das Mulleres foi seleccionado como un proxecto de moito interese feito dende unha administración pública e para amosar o traballo que se está facer dende os últimos tres anos, en Laborando poderase ver unha selección de materiais do programa: información sobre a exposición ‘Do gris ao violeta’ e os paneis da mostra en versión reducida, así como o libro publicado co mesmo título da exposición. Tamén se amosarán as publicacións feitas polo programa: biografías, especial ‘As familias do 12 de novembro’ e tamén da homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes. O stand completarase cun audiovisual e cartelaría sobre as actividades do programa.
Feira Feminista Laborando
O obxectivo da Feira Feminista Laborando é dar a coñecer os proxectos profesionais e de vida pensados desde unha perspectiva de xénero, así como xerar un foro feminista para coñecer e divulgar propostas e compartir experiencias, é dicir, facer networking feminista.
Coa feira tamén se pretende coñecer ás persoas que traballan desde os feminismos para crear sinerxías, visibilizarse e idear estratexias para mellorar as condicións laborais, sociais e emocionais; para non estar sempre soas, así como poñer en valor as experiencias profesionais e vitais.