Dolores Trabado

A decana das taxistas. Tiña permiso de conducir desde 1923, cando había na provincia de Pontevedra 1417 persoas con este permiso e ela era a única muller.

Dolores Trabado foi unha auténtica pioneira no eido da condución co seu taxi, moi coñecido en Pontevedra ata os anos sesenta.

Gardaba o seu coche —nesa década un Peugeot, pero antes foron un Dodge, un Chrysler, un Fiat e un Ford— no garaxe da rúa Marquesa. Alí tiña dous teléfonos e dábase asistencia a unha manchea de persoas que xa a tiñan de man para realizar traslados na cidade, pero tamén alén dela (como Barcelona, Madrid ou Portugal). Tamén prestaba servizo á Cruz Vermella cando aínda non tiña ambulancia, e moitos coñecíana como a ‘taxista da Cruz Vermella’.

“Bos reflexos e non ser de temperamento nervioso” eran as cualidades das que Dolores Trabado falaba que tiña que ter unha taxista nunha entrevista ao Diario de Pontevedra en 1964. Naquel ano en Madrid gabábanse de ter unha muller que exercía esa profesión na capital. Falábase tamén doutra en León pero, vendo as datas, Pontevedra pode presumir de ter a decana das taxistas españolas.

Autoría: María Xesús López Escudeiro

Esta biografía forma parte da Exposición ‘Do Gris Ao Violeta’. 

Biografía de Dolores Trabado

Descargar

Biografías Relacionadas