Neste momento estás a ver As mulleres de Santa María de Xeve toman a palabra
Presentacion dos vídeos en Santa María de Xeve.

As mulleres de Santa María de Xeve toman a palabra

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O programa A memoria das mulleres de Pontevedra, desenvolvido pola Concellería de Patrimonio, presentou os resultados do seu traballo en Santa María de Xeve coa proxección de extractos de vídeos sobre a vida de mulleres da parroquia. O acto tivo lugar o venres 18 de marzo na Casa da Cultura de Santa María de Xeve ás 19.00 horas.

Os vídeos que se proxectaron son froito do traballo realizado no Obradoiro de relatos de vida, no que un grupo de 7 mulleres da parroquia falaron sobre as súas experiencias e a de persoas achegadas, como nais ou tías. Os relatos resultantes abordan os traballos na infancia, a emigración, o oficio de costureira ou a figura dunha das repartidoras de pan máis coñecidas na parroquia son algúns dos eixos destas pezas, nas que as mulleres toman a palabra.

O traballo desenvolvido polo programa en Santa María de Xeve complementouse coa recollida de fotografías antigas e a realización de entrevistas que foron transformadas en textos biográficos e artigos dalgúns oficios comúns na zona. Este é, por exemplo, o caso de Aurelia Blanco Blanco, coñecida como Aurelia “a do Corno” pois ese era o instrumento que empregaba para congregar a veciñanza e facer traballos colectivos ou o caso de oficios como o de augardenteira ou leiteira.

Este vídeo é un resumo do traballo realizado no “Obradoiro de historias de vida en imaxes”, en Santa María de Xeve, no que cada unha das participantes construíu unha parte da súa vida ou dunha muller achegada en base a fotografías.

Deixa unha resposta