Acto Mulleres pontevedresas nas loitas sociais da segunda metade do século XX

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Hoxe estivemos na Casa das Campás para coñecer un pouco máis da historia das mulleres pontevedresas. Nesta ocasión coñecemos a mulleres bravas, loitadoras e traballadoras que non respondían ao perfil de “mulleres domésticas” que quería vender o franquismo.

Lara Barros, licenciada en Historia e especializada en sociedades rurais pola USC falou sobre a participación das mulleres nos conflitos no ámbito rural e, en concreto, do conflito coa Hermandad Sindical nos anos 50. Barros lembrou que o franquismo quixo vender Galicia como “unha sociedade sometida e atrasada, na que as mulleres eran submisas, ignorantes, nais e esposas que non tiñan unha función social. Eran eternas menores de idade”. Sen embargo, “ese estereotipo hai que rompelo con historias de vida”, indica, para que as mulleres do século XXI poidan ter outro referente, un referente real. As mulleres, como era habitual no rural galego, estaban moi ligadas á terra xa que eran elas a pedra angular da casa entendida como unidade de produción que englobaba o agro, o gando, os traballos no monte, os coidados… Así, neste tempo, terra, casa, fogar, autoabastecemento e subsistencia eran termos sinónimos nas súas vidas. Foron moitas as que participaron activamente nas accións de resistencia elevadas por grupos labregos contra os pagamentos da cota da ‘Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos’ de Pontevedra. A chama do conflito prendeu en 1953 cando a dirección estatal da ‘Hermandad’ vai obrigar todas as persoas posuidoras de terras de traballo a encadrarse dentro da súa institución e aboar a correspondente cota. Rompíase así o principio de voluntarismo na afiliación, sumándose ao feito de que a ‘Hermandad’ pontevedresa non prestaba os servizos prometidos, como eran sulfatos, sementes de patacas, arame de fío para as vides etc. Por iso, desde ese mesmo 1953 homes e sobre todo mulleres erguéronse ante este cargo inxusto sobre as súas coñecidas e traballadas terras, así como contra posteriores intentos de embargo das mesmas (1956), estendéndose as accións de resistencia nas parroquias rurais de Pontevedra como Santa María de Alba, Verducido, Marcón, Campañó, Lourizán, Santo André de Xeve e Santa María de Xeve. Inicialmente o medio de protesta foi a negativa ao pagamento das cotas, unha manifestación de desacordo ante esta medida, non unha mostra da imposibilidade de facerlle fronte. Isto puña a “Hermandad” pontevedresa nunha situación de debilidade xa que as cotas eran a súa única vía de financiamento. Ante tal “agravio” á organización franquista, outras institucións do réxime como a Cámara Sindical Oficial Agraria (COSA) e a Gobernación Civil de Pontevedra implicáronse no conflito, feito que non desalentou os actos de resistencia nin impediu que algunhas persoas chegaran acumular anos de débedas.

Carmen Álvarez Otero foi unha das mulleres que estivo na loita contra a draga do Verdugo ao seu paso por Ponte Sampaio. “Chegaron coas palas para esquilmar o noso medio de vida, tivemos unha reunión e alá fomos todas. Eu tiña unha nena de dous anos e ía embarazada. Incluso os homes ían disfrazados de muller á manifestación: ben afeitados, con saias e pano na cabeza”, recorda. Carmen recorda que a area que sacaban do Verdugo era para “facer edificios en Vigo, pero levaban toda a cría do berberecho”. Todo Ponte Sampaio vivía do marisqueo “e antes non se plantaba, o mar criaba solo”, por iso tiñan que defender o seu traballo, o seu sustento. E cargáronse de pedras para lanzarllas “aos das máquinas e das lanchas. Ata levamos unha bandeira de España. Carmen rematou a súa intervención recordando que antes “a xente era decidida, agora non hai unión, non se loita”.

Dolores Rosales Pazos e Visitación Núñez Castro son dúas mariscadoras de Lourizán que viviron en primeira persoa o conflito contra a instalación de Ence na Ría de Pontevedra. “Antes da Celulosa chegaba a praia ata o ferrocarril e era a praia que máis producía: berberecho, ameixa fina, ameixa babosa…”, recorda Dolores. Visitación recoñece que a loita foi moi dura e que contaban co apoio da mariscadoras de Poio e Campelo “porque había que defender o pan dos fillos”. Sen embargo, o 10 de febreiro de 1959 foi un día sinalado, pois á Garda Civil e ás “baionetas caladas” sumouse o buque Hernán Cortés, que buscaba reprimir á xente loitadora. Aí souberon que levaban as de perder. O acto rematou coa intervención do concelleiro de Patrimonio Histórico e responsable do proxecto A Memoria das Mulleres, Luís Bará, que agradeceu a participación de todas as mulleres e lembrou a importancia de seguir recuperando historias de vida para contar a historia de Pontevedra en feminino.

Vídeo proxectado durante o acto:

Deixa unha resposta