A Escola Profesional e Banda Deseñada O Garaxe Hermético e o programa A Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra presentaron hoxe no Salón do Libro ‘Os berros da motocicleta’, unha banda deseñada que narra a vida de Josefina Arruti dende outro punto de vista.
Basada na historia de vida da pontevedresa realizada polo proxecto A Memoria das Mulleres, “e moi documentada”, segundo explica Kiko da Silva, autor da BD xunto Pablo Prado, a sorprendente e dura vida de Josefina Arruti fixo que “a dramatización da obra fose esaxerada ao mínimo. De feito, o propio título da BD provén dun feito desgarrador que a diario vivía a muller”.
Josefina estaba recluída xunta á súa sogra e fillos na vivenda familiar e no baixo dese edificio estaba o cuartel onde se facían as torturas aos presos. Para que polas noites non se escoitaran os berros das persoas que alí sufrían diversas atrocidades, os gardas acendían as motocicletas para camuflar os gritos de dor e sufrimento.
“Este país non sabe realmente o valor patrimonial que ten. Se esta historia suede noutro lado do mundo xa estaría levada ao cine. Nos agardamos que se poida traducir e que chegue a todo o mundo. Temos historias dignas dun filme”, recalcou Kiko da Silva, autor do guión.
Esta banda deseñada busca dar a coñecer a visión feminina do noso país a través dun formato que chegue tamén aos lectores de banda deseñada e á xente nova, e amosando unha realidade que permaneceu silenciada durante moitos anos, pero que seguía viva na memoria das familias.
Hoxe presentouse a ‘preview’ coas seis primeiras páxinas e a obra completa, que consta de 48 páxinas, estará lista para o mes de outubro. As persoas que se acheguen ata a presentación poderán levala xunto cun texto biográfico da xornalista e escritora Montse Fajardo.
O concelleiro de Memoria Histórica, Luis Bará Torres, a concelleira de Igualdade, Carme Fouces Diaz, falaron da importancia de achegar a vida das mulleres á sociedade, sobre todo as historias menos coñecidas que permanceron silenciadas durante preto de 80 anos.