Neste momento estás a ver Herdeiras. Mariscadoras de Lourizán conversan sobre os cambios que sufriu o oficio nos últimos anos

Herdeiras. Mariscadoras de Lourizán conversan sobre os cambios que sufriu o oficio nos últimos anos

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Mariscadoras da Confraría de Lourizán protagonizan o último dos vídeos da serie “Herdeiras”. Nel Fátima García, mariscadora en activo, e Ana Carballal, xa xubilada, comparten as súas experiencias e recollen a memoria do proceso de profesionalización desta actividade.

Con ENCE como pano de fondo mais sen entrar nesta materia, as súas protagonistas falan desde lugares e épocas distintas, desde a memoria dunha actividade esporádica e desregularizada á actualidade, na que i marisqueo é unha profesión amparada por dereitos laborais e parámetros de control na extracción e coidado de medio; un camiño no que ademais de vontades políticas foi fundamental o papel das mariscadoras que, integradas nas agrupacións dentro das confrarías, pasaron a formar parte de órganos de toma de decisións e incidencia política.

Con esta peza pechamos o ciclo de vídeos “Herdeiras”, un espazo de diálogo entre mulleres de distintas xeracións que comparten oficio e tecen o discurso do cambio e o recoñecemento. Nos vídeos anteriores participaron Manola Novoa, ex-traballadora da Pontesa e sindicalista, Sandra Collazo, traballadora do sector da automoción en Trèves Galiza e membro do comité de empresa pola CIG (Herdeiras. Na fábrica e o sindicato), Esther Casalderrey, deseñadora de téxtiles para o fogar, e a Sabela Juncal, deseñadora de moda (Herdeiras. Na moda e a costura).

 

Deixa unha resposta