Homenaxe á Pontevedra boa e xenerosa

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu onte o acto de homenaxe á ‘Pontevedra boa e xenerosa’. Esta foi unha xornada de agradecemento cara a todas as persoas que durante o alzamento militar de 1936 e durante o franquismo foron solidarias coa súa veciñanza.

O acto foi un percorrido pola Pontevedra dun tempo gris que ollou brotar a solidariedade axudando nas fuxidas, dando agocho aos inocentes, compartindo comida coas familias ás que lle saquearan a casa, tecendo roupa no cárcere ou escribindo cartas polos que non sabían facelo.

A xornalista Susana Pedreira presentou un acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, quen recordou que no ano 1936 en Galicia non houbo guerra, nin bandos: “houbo unha cacería humana, violacións, roubos e xente nas cunetas. Extirparon de raíz o auxe da igualdade. Devastaron a mellor xeración do noso país. E hoxe estamos aquí para pagar unha débeda, para agradecer a loita, a coherencia e a solidariedade das persoas no tempo do medo”.

No nome das familias falou María Tilve, neta do médico de Xeve José Costas. Do seu avó destacou o “rigor profesional e o sentido ético”. Xunto co cura de Xeve, Manuel Ogando, “tentou salvarlle a vida a algún veciño, pero non tiveron éxito”. A quen si puido axudar foi a moitos agochados, “collía a súa afillada que quedara orfa e levábaa no cabalo, como se fose dar un paseo con ela”.

María tamén lembrou como as familias de Xeve lles dicían á cativada que non fixesen pis na cova que había detrás da igrexa porque “alí estaban enterrados homes bos. Nos tardamos moito en comprender, porque había moitas contradicións: dicíannos que os ‘rojos’ eran malos, pero tamén nos dicían que o malo vivía na cidade e que se chamaba Victor Lis Quibén”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores lembrou a solidariedade das persoas durante os anos do terror “que protexeron da orfandade ás crianzas, que puxeron escolas clandestinas, que mandaban cestas de froita, que levaron flores aos cemiterios. Perdérono todo, pero nunca perderon a dignidade”.

No acto, tamén houbo música da man de ‘Os de Algures’ e do trío de Lucía César Veloso (voz e pandeireta), Álvaro Cardalda (acordeón) e Manolo Dopico (guitarra).

Exemplos de solidariedade

Foron moitas as mulleres que prestaron axuda aos presos de Figueirido e moitas tamén as que se fixeron ‘madriñas’ dos presos de San Simón para lavarlles a roupa e ofrecerlles algo de comida. Loable foi a actuación do médico de Xeve, José Costas Lorenzo, que ía atender os fuxidos ás agachadas, levando sobre o cabalo, para despistar aos gardas, á súa afillada Ángeles, apenas unha meniña.

Un dos acenos solidarios máis fermosos xurdiu entre as mulleres encarceradas na Normal de Pontevedra: estaban as que pertencían ao Socorro Rojo, as que participaran en manifestacións do Primeiro de Maio, as que apoiaban a Fronte Popular e mulleres de homes perseguidos. Todas teceron redes solidarias para axudarse, dentro e fóra de prisión. E falar de solidariedade é falar das Corseteiras. As irmás Aurora, María, Niza e Nieves Martínez criaron a Carlos, o fillo de Manuel García Filgueira, alcalde da cidade no momento do golpe, e de Emma Mourón, retida durante meses por non revelar o acubillo do seu home.

Fóra do agocho e das reixas do cárcere, as familias marcadas pola barbarie forxaron fondas amizades, atopando pulo no apoio mutuo e na pouca xente que na Boa Vila non lles daba as costas.

Ás veces era só un aceno. Como o daquela rapaza anónima que, no tempo do medo, sinalou cunha pedra a foxa onde os asasinos de Edelmiro Dios o meteran ás agachadas. Outras un gran xesto, coma o do construtor Ángel Arosa, que fixo de balde unhas obras no taller de bordado de Rita Sobrido, viúva do mestre Germán Adrio, no que se xuntaban moitas tardes varias das nenas que quedaran orfas aquel mesmo 12 de novembro en que Rita enviuvara.

E ata cos mortos foi Pontevedra solidaria. A pesar dos anos de cárcere e arresto e dos insultos da xente, Josefina Arruti e a súa sogra, Emilia Osorio, foron solidarias e no tempo do medo abriron o panteón familiar para dar acubillo aos restos mortais de ducias de homes. E Aurora Adrio, orfa do 12 de novembro, lembra como a súa nai e a súa avoa lle daban flores en cada visita ao cemiterio para depositalas sobre as foxas sen nome.

 

Deixa unha resposta