
Ao longo da historia da música o papel da muller sempre estivo relegado a un segundo plano e, moitas veces, vinculado á idea de musa, servindo para inspirar aos compositores. Non obstante, hai moitas mulleres que viviron entre partituras e composicións, conseguindo facerse un oco no mundo da música.
Na cidade de Pontevedra atopamos numerosas mulleres vinculadas á música, que estudaron piano, violín, solfexo…, compaxinaron a súa produción musical coa vida familiar e acadaron importantes premios e recoñecementos. Neste artigo achegámonos a coñecer brevemente as súas biografías, recollidas con máis detalle na páxina web dogrisaovioleta.gal.
A primeira muller que atopamos na cidade relacionada coa música, seguindo unha orde cronolóxica, é Tomasa Núñez Fernández, unha importante pianista viguesa nada en 1793 e afincada en Pontevedra; quen deu a coñecer as sonatas, rondós, scherzos e andantes en Pontevedra, Galiza e parte de España. As súas sobriñas Carmen Babiano e Carmen Sancho aprenderon a tocar o piano grazas a ela e tiveron unha ensinanza artística moi completa, ao igual que as súas netas María e Concepción Mendoza Babiano Méndez-Núñez.
Familia de músicas tamén era das irmás López Fernández -África, María e Luz-, tres irmás cunha completa formación artística e unha boa educación musical. Con só cinco anos, África xa era considerada unha gran violinista; posteriormente formouse no Conservatorio de Madrid e acadou grandes recoñecementos. A súa irmá María foi profesora de música e dedicouse a dar aulas particulares de piano. Luz tamén tocaba o piano e o violín, ademais da guitarra, o cello e o contrabaixo; e ensinoulle a cada un dos seus netos a tanguer un instrumento diferente, ao igual que lle ensinou violín á súa filla Carmen Bethencourt.

Outra destacada familia vinculada coa música é a do pianista Benito González Font e da directora da Escola Normal de Pontevedra Avelina Pérez Vázquez, cuxas fillas –Alicia, Fidela, María Digna e Isolita González Pérez- estudaron para mestras normalistas e aprenderon canto e piano. Todas elas actuaron en diferentes eventos e concertos, mais dedicaron a súa vida á docencia. Isolita consegue, en 1908, a cátedra de música da Escola Normal Superior de Mestras de Pontevedra, e transmítelle ás súas fillas a importancia da música. De modo que, Matilde e Luísa Chaves pasan a formar parte da Coral Polifónica de Pontevedra como sopranos, onde coinciden con Luísa Acosta Ruíz; mentres que a terceira das irmás, María Chaves, convértese nunha gran violista. Desde nena, María dá concertos por toda Galiza, actividade que se intensifica co tempo. Xunto a ela, actúa, en diversas ocasións, a súa amiga María Pardo Trapote, unha brillante artista lírica, formada nos Conservatorios de Madrid e de Milán, que emigra aos EEUU e obtén recoñecemento internacional.
A irmá desta, Pilar Pardo Trapote tamén se forma no Conservatorio de Madrid en solfexo e piano, converténdose posteriormente en mestra de numerosas xeracións de músicas pontevedresas; onde destacan as súas grandes discípulas, Carmen e Pilar.
Carmen Portela Paz formouse como pianista e foi a primeira muller do Departamento de Didáctica da Expresión Musical da Universidade de Santiago de Compostela. A súa vocación pola música levouna a que se recoñeceran os estudos de música nas escolas normais e na creación da especialidade musical nos estudos de maxisterio. Pola súa banda, Pilar Pintos Poncet obtivo o premio extraordinario de fin de carreira “María del Carmen”, impartiu numerosos concertos e tocou coa Filharmónica de Galicia. Unha prolífica carreira que se viu truncada despois de casar, xa que decidiu centrase no coidado familiar. Anos máis tarde, fíxose cargo do estudo fotográfico do seu pai, o fotógrafo Joaquín Pintos Amado.

Teresa Alonso tamén obtivo numerosos recoñecementos musicais, entre eles o premio “María del Carmen”, ao igual que a súa amiga Pilar Pintos. Aínda que é natural de Salvaterra de Miño, inicia a súa carreira como pianista en Pontevedra, onde deu varios concertos e participou en diferentes eventos. En 1944 obtivo a cátedra no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Foi autora de gran cantidade de obras e a súa investigación céntrase nunha técnica pianística que consegue dotar as intérpretes dunha elasticidade que permite conseguir matices sonoros.
Na cidade do Lérez tamén atopamos destacadas profesoras de música como Florentina Lariño Vilas, que foi profesora de piano no Real Conservatorio de Música de Madrid, impartiu leccións particulares de solfexo e piano, e exerceu como profesora no conservatorio elemental de música; actuando en algunha ocasión co soprano pontevedresa Raimunda Lusquiños.

A reputada pianista Balberana Pérez non só se dedicou a actuar en diferentes veladas, senón que tamén impartiu aulas e foi mestra de Ascensión Barro Cordal, ourensá de nacemento, que adoitaba pasar longas temporadas en Pontevedra coa familia materna. Natural de Ourense tamén era Obdulia Prieto Nespereira, compositora de varias obras interpretadas pola Coral Polifónica de Pontevedra.

Outra distinguida pianista que impartía aulas particulares na súa casa era Dolores García Villar, quen pasou a formar parte da Sociedad Filarmónica de Pontevedra en 1921.
Matilde Torralba tamén iniciou a numerosas mozas pontevedresas nas súas carreiras musicais, xa que foi mestra mestra de piano na Sociedad Económica e na Escola Normal de Pontevedra, ao igual que María Rodríguez Aboal, mestra na Sociedad Económica de Pontevedra e na escola de Traballo. A traxectoria de María fíxoa actuar en diversas ocasións na cidade, compartindo escenario con Manuela Seoane Doval, tamén mestra; e con Felipa Genovés, que foi unha das cantantes das actuacións da Exposición Rexional de Pontevedra de 1880, onde coincide con Amparo Poncet.
Estas son algunhas das moitas músicas pontevedresas pero tamén temos constancia das pianistas Adela Castilla Durán, Dolores Corbal Souto, Enma Fonseca Osorio, as irmás Teresa e María del Carmen Riestra López, e a francesa Marthé Lemann que chegou a Pontevedra da man do violinista Manuel Quiroga Losada.
Tampouco podemos esquecer a María Rosa Doval, música cega que percorría Europa coa súa neta tocando a zanfona; Josefina Vélez Gómez, cupletista no emblemático café Méndez Núñez; Jovita Canda Iglesias, artista e directora dun grupo de ballet xunto ao seu marido; e Ángeles Ruibal Argibay, quen formou parte do grupo Los Juglares, conseguindo numerosos éxitos e recoñecementos que veñen, sobre todo, de Arxentina, grazas á idea de musicalizar os grandes poetas de fala hispana.