Carmen Babiano Méndez-Núñez

Desde ben pequena, Carmen Babiano recibiu aulas de debuxo e expuxo en numerosas mostras de arte. Así, en 1870 participou nunha Exposición Colectiva de Pinturas realizada no Instituto de Bacharelato de Pontevedra con debuxos de figura, de paisaxe e de adorno. Ademais, recibiu a medalla de cobre na Exposición Rexional de Santiago de Compostela de 1875, onde presenta catro paisaxes ao óleo e dous a lapis, copia de gravados. Tres anos despois, na Exposición da Coruña, presentou un retrato ao óleo do Marqués de Méndez Núñez; e na Exposición Rexional de Pontevedra de 1880 amosou traballos á pluma e á auga e tres retratos de tamaño natural a lapis, sendo premiada polo óleo “Una niña dando de comer a unas gallinas”, conservada no Museo de Pontevedra xunto con outro cento de obras.

Carmen foi alumna do pintor catalán Ramón Vives, mestre no Instituto de Pontevedra desde 1866, e colaborou coa revista La Ilustración Gallega y Asturiana e coa Sociedade Arqueolóxica. Xunto á pintura, a música, pois tocaba o piano instruída pola súa avoa Tomasa Núñez. Despois do seu casamento nos anos 80 do século XIX co médico Víctor Mendoza Muñoz, futuro alcalde da cidade, abandonou publicamente ambas as artes para dedicarse aos labores domésticos. Era filla de Carmen Clara Méndez Núñez, falecida en 1898, e de José Babiano Rodríguez, finado o 14/05/1885.

Autoría: Etnoga

Biografía de Carmen Babiano Méndez-Núñez

Descargar

Biografías Relacionadas