María López Fernández

Filla de Generosa Fernández Fernández e Benigno López Sanmartín, María López Fernández naceu en Pontevedra o 11 de maio de 1892. Os seus primeiros estudos realizounos na Sociedade Económica, acadando en 1904 unha matrícula de honra en debuxo artístico. Ademais, entre 1906 e 1908 cursou encaixe na Escola de Artes e Oficios.

A pesar das escasas referencias á súa formación artística, debeu ser moi completa, chegando a facerse cargo en 1912, xunto coa súa irmá Luz, das aulas de debuxo artístico na Sociedade Económica debido á enfermidade do seu pai.

Do mesmo xeito que a formación artística, María tivo unha boa educación musical, formándose en piano. En Pontevedra actuou en diversas ocasións, algunhas delas na compaña do seu pai ao violín, como no comercio de Benito L. Paratcha, situado na rúa Oliva, ou na velada organizada por Cruz Vermella en marzo de 1912 no Teatro Principal para contribuír a socorrer ás vítimas da guerra do Riff. Nesta celebración tamén participou recitando un monólogo o “neno” Luís Amado, con quen casaría doce anos máis tarde.

María e o mestre e poeta Amado Carballo, máis novo que ela, casaron o 10 de decembro de 1924 na basílica de Santa María a Maior de Pontevedra. Pero quedou viúva moi pronto, pois Luís faleceu en 1927 por causa dunha tuberculose. Este feito, xunto co do falecemento do pai ao ano seguinte, puido que levaran a María a marchar para Santiago de Compostela.

Grazas ao censo, sábese que cara a 1935 residía en Santiago e que en 1950 facíao no terceiro piso do número 2 da compostelá Costa Vella na compaña da súa nai Generosa, que era a cabeza de familia, a súa irmá Luz e os fillos desta.

Malia constar que María non tiña profesión, sábese que foi profesora de música e que se dedicou a dar clases particulares de piano. De feito, no ano 1946 tivo que recoller o carné do Sindicato del Espectáculo, no subgrupo de música.

Unha vida chea de moitas incógnitas, ata na hora da morte. Así, o 2 de agosto de 1963, María faleceu atropelada en Santiago de Compostela. Ía camiñando pola zona de Santa Clara cando un jeep militar invadiu a beirarrúa e levouna por diante. Nun primeiro momento, deuse por descoñecida, ata que finalmente se puido identificar o corpo e localizar un familiar. Foi soterrada no cemiterio municipal de Boisaca.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas