- Biografía
- Audios
- Videos (1)
Ángeles Ruibal interpreta o encontro da música e a poesía. Esta lonxeva unión comezou nos anos da súa infancia, cando na súa aldea natal, Santo André de Xeve, subía ás pólas dunha figueira para cantar aquelas cancións que ela define como “de maiores”: cuplés e zarzuelas principalmente. Non tiñan radio e os grandes éxitos non eran os hits da música actual. Pero para ela estaba claro, moi claro: o que quería era cantar e non lle importaba tanto o que. Era tal a paixón con que aquela nena cantaba que as súas veciñas e veciños bautizárona como A artista, cal premonición do que ía ser o seu futuro.
O ano 1969 foi un ano importante na vida de Ángeles pois nese ano tivo lugar o primeiro concerto público en Madrid, interpretando os temas de Yupanqui. Neste mesmo ano tamén se funda o grupo no que se consolida como artista e co que consegue moitos dos éxitos que a día de hoxe forman parte do seu currículo: Los Juglares. Formado en compañía de Sergio Aschero, quen será compañeiro no profesional e no persoal, Los Juglares musicalizaron os grandes poetas de fala hispana, aqueles mesmos poetas que seu pai lle recitaba cando ela era apenas unha nena. Los Juglares cantan a Agustín Pérez Bellas será o primeiro dos seus discos, publicado en 1971. Dous anos despois, en 1973 publican un disco no que musicalizan a poesía de Federico García Lorca e en 1978 editan Está despuntando el alba. Homenaje a Miguel Hernández.
Con todo, os maiores éxitos e recoñecementos da súa carreira viñeron desde Arxentina. Dos anos vividos alí destaca a colaboración con Mercedes Sosa, con quen a une unha fonda amizade, ou o feito de que foran Les Luthiers os encargados da actuación de apertura dun dos seus espectáculos. Nese momento, Los Juglares xa tiñan un disco publicado, cousa da que os arxentinos carecían.
Pero a traxectoria deste dúo non se limitou a cantar e a súa relación coa música extrapolou o plano artístico para se introducir tamén no mundo da educación. Condicionados polo difícil de conciliar a crianza e as xiras, Ángeles e Sergio instálanse en Buenos Aires e alí crean unha escola de música que se vai converter nun referente no ensino desta arte. A escola baseaba a súa metodoloxía nun sistema de escritura musical creado por eles que ensinaba música a través da cor e das formas. Neste sistema a cor é o son e a forma representa a duración. Grazas a el calquera persoa podía facer música.
A traxectoria de Los Juglares expándese ao longo de 31 anos, etapa que Ángeles describe como estupenda. Pero, despois da separación de Sergio Aschero, a vida da artista dá un xiro e regresa a Galiza, onde inicia a súa andaina en solitario.
No seu regreso á terra de nacemento viviu experiencias persoais que deixaron nela unha fonda pegada pero sempre encontrou na música a forma de reconducilas. O seu primeiro disco en solitario fíxoo mentres coidaba de súa irmá, Mercedes Ruibal, enferma de Alzhéimer. Volveu casar e do seu terceiro casamento o marido enfermou e estivo case cinco anos de enfermeira. Estes cinco anos, a pesar das dificultades, buscaba na música o refuxio e grazas ao seu empeño e entrega conseguiu preparar e gravar o disco dedicado a quen tantas alegrías lle deu, Atahualpa Yupanqui, baixo o título Así siento a Yupanqui, que contou con diversas colaboracións. En 2017 lanzou un disco homenaxe a unha amiga, Ángeles Ruibal canta a la Kruckenberg, no que musicaliza poemas da poeta e que conta coa colaboración de Cuchús Pimentel.
Agora séntese moi ben en Pontevedra. Admite que unha retirada a tempo é importante, aínda que segue facendo cousas. Non ao mesmo ritmo, sen xiras, con máis calma. Gústalle a tranquilidade. Goza coa carreira das súas fillas, das que se sente tremendamente orgullosa. A maior, Graciela Baquero, vive en Vigo e é poeta. A pequena, Irene Aschero, está un pouco máis lonxe, en Arxentina, facendo da música a súa forma de vida. Xunto a elas, as netas, a outra gran debilidade.
Confesa Ángeles que, de non se dedicar á música, probablemente tería sido campesiña. Cando morreu seu pai tendo ela 14 anos fíxose cargo da casa e traballou ata os 17 anos nas terras da familia. Non había soldo para pagar o xornal polo que se viu na obriga de facelo ela. As nais de Xeve, que a vían e a coñecían, querían casala cos seus fillos porque era moi traballadora. E así segue a ser, imparable aínda hoxe, na procura de manter vivo o soño da súa vida. “Fun feliz á miña maneira. Eu inventábame a felicidade todos os días, que a felicidade non existe”.
Autoría: MAOS Innovación Social
Descargar