Teresa Alonso Parada

A gran pianista Teresa Alonso Parada foi filla de Nemesia Parada Argibay, mestra e directora da Normal de Pontevedra. Iniciou a carreira musical baixo a dirección da súa tía Elvira Parada, tamén docente no mesmo centro. Na vila pontevedresa deu varios concertos durante a súa vida e participou en diferentes veladas literarias e musicais.

Foi bolseira da Deputación de Pontevedra para continuar os estudos en Madrid, onde se graduou co Primeiro Premio, o Premio Extraordinario “María del Carmen” e obtivo posteriormente o premio Aeolian, que consiste na adxudicación dun piano. Recibiu a axuda da Xunta de Ampliación de Estudos e marcha a París en 1932. Na capital francesa seguiu os seus estudos co mestre Lazare Lèvy e cos cursos de Alfred Cortrot. Un ano despois, o concerto que deu en Madrid foi emitido en directo pola radio sendo escoitado na súa terra.

En 1944 obtivo a cátedra no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Aquí coincide coa pianista e fotógrafa de Pontevedra Pilar Pintos Poncet, Pilarita, con quen mantén unha estreita amizade. Ela vai ser quen lle recomende como mestre o catedrático de música de cámara Tomás Andrade de Silva, quen se converteu no seu marido e con quen tivo un fillo.

Teresa foi autora de gran cantidade de obras, destacando o Ensayo para un Nuevo Cuestionario Pianístico. A súa investigación céntrase nunha técnica pianística que consegue dotar as intérpretes dunha elasticidade que permite conseguir matices sonoros. Foi definida como a pianista de seda polo seu estilo e elegancia tocando o piano.

Autoría: Etnoga

Biografía de Teresa Alonso Parada

Descargar

Biografías Relacionadas