María Pardo Trapote

María de la Purificación Verónica Concepción Pardo Trapote naceu en Teis ás doce e media da mañá do 13 de xaneiro de 1892. A súa infancia transcorreu entre a finca familiar do Troncal e a cidade de Pontevedra, onde vivían os seus avós maternos.

En 1909 rematou os seus estudos na Sociedade Económica de Santiago con sobresalientes e nese mesmo ano superou por libre no Conservatorio de Madrid tres cursos de solfexo e cinco de piano con excelentes cualificacións. En 1911 rematou os estudos de piano e dous anos despois os de canto, acadando un accésit como premio. Ademais, no curso 1913-1914 matriculouse en declamación, aínda que por presentar a solicitude fóra de prazo, foi admitida só como alumna oínte.

A partir de 1913 comezou a destacar como unha brillante artista lírica, chegando a actuar no Teatro Español de Madrid co Coro Aires d’a Terra interpretando “Un Adiós a Mariquiña”, de Chané; e “Meus amores”, de José Baldomir. As súas actuacións tamén a levaron a Portugal, ao balneario Paço d’Arcos, en Oeiras, cerca de Lisboa.

En 1914 foi nomeada socia honoraria do Centro Galego de Madrid. Nesta cidade tamén participou nun concurso celebrado no conservatorio para ampliar estudos no estranxeiro. O tribunal que a avaliou estaba formado por Tomás Bretón, compositor e violinista salmantino que desde principio de século dirixía a escola; Ignacio Tabuyo y Muro, profesor de canto e destacado barítono; Manuel Manrique de Lara, compositor; Emilio Serrano, antigo director; José del Hierro, compositor e violinista; e Julio Francés e Manuel Sancho, profesores de violín. Na proba competiu contra as pianistas coruñesas Pilar Castillo e Pura Lago e os violinistas José Outumuro, de Ourense, e Dámaso Rico, de só once, natural de Ferrol. María, moi eloxiada, interpretou El Barbero de Sevilla e La Perla del Brasil con Pacheco ao piano. Finalmente, obtivo unha pensión para continuar os seus estudos en Italia, tendo unha estancia no Conservatorio de Milán.

Nesta época comezaron a ser habituais as súas aparicións en público en Pontevedra actuando, por exemplo, no festival artístico na honra do escultor do século XVI Gregorio Hernández, onde interpretou o Rigoletto de Verdi. Tamén foi asidua no Teatro Principal, nas veladas do Liceo Casino e en festivais benéficos, como o da escola nocturna de obreiros gratuíta, o da finca La Pastora da Asociación Popular de Vigo ou o do Asilo do Neno Xesús de Praga no salón de festas do Faro de Vigo. Neste participou xunto co barítono Víctor Cervera Mercadillo, con que volvería actuar no local do Círculo de la Juventud Antoniana xunto coa pianista Dolores García Villar e o neno Luís Amado, quen recitou a composición “Un Vello Paroleiro” de Fernández Gastañaduy.

A súa relación con Mercadillo foi tan habitual que a finais de 1915 constituíu un grupo musical xunto coa violinista María Chaves, comezando unha “excursión artística” por Galicia. Ademais, tamén formou parte do coro “Hijas de María”, do mestre Taboada, xunto con Lola Corbal Souto.

En 1918 realizouse a petición de man co comerciante portugués Juan Tavares, fillo dun banqueiro lisboeta do mesmo nome, con quen casa o 19 de marzo de 1919 en Santa Catalina de Lisboa. Trala voda, a súa relación co país veciño seguiu a través de actuacións e temporadas de veraneo en Cascais e Estoril, malia que hai moi pouca información desta etapa.

Máis tarde emigrou a Estados Unidos, onde residían o seu tío e o seu padriño, Manuel Martínez Bautista e Ramiro Trapote. Non se sabe a data certa, pero en 1933 pertencía ao Club Español de Boston e no 35 o seu nome aparece nun programa da Sinfónica de Boston como soprano operística e profesora de canto. Na capital de Massachusetts comezou unha relación con Vicenzo Calvaresi, profesor de linguas romances, pasando a ser coñecida como María Pardo de Calvaresi.

Ademais das súas actuacións musicais, xunto a Calvaresi converteuse nunha das criadoras da raza canina de bichón maltés. En Estados Unidos, Pardo e Calvaresi foron moi coñecidos, pois nos anos 50 alardearon a raza converténdose nos poucos criadores grazas á súa preocupación pola supervivencia da mesma. Así, desde finais dos anos 40 aparece establecida en Billerica, solicitando a carta de naturalización en 1954.

Esta grande artista lírica, discípula do mestre, empresario teatral e director de ópera José Tolosa e do barítono e profesor de música e declamación Ignacio Tabuyo y Muro, faleceu en Boston o 9 de setembro de 1965.

No xornal Lowell Sun recollíase ao día seguinte unha necrolóxica sobre o pasamento de Mrs. Calvaresi:

“A señora María (Pardo) Calvaresi, esposa do doutor Vecenzo Calvaresi, morreu o xoves na súa casa, 388 Concordia, estrada de Billerica. Naceu en España e era a filla dos falecidos Néstor e Isolina (Seevedra) Pardo. Foi residente de Billerica durante os últimos 17 anos e membro da igrexa de Santa Teresa, Billerica. Ao lado do seu marido, é supervisada por unha irmá, Pilar Pardo de España”.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas