María Chaves González

María, filla do pianista Manuel Chaves Rodríguez e da catedrática de música da Normal de Pontevedra, Isolita González Pérez, vai ser afillada pola súa tía María Dolores Chaves y Rodríguez e o seu marido Marcial Losada Cadahía, médico da casa de beneficencia da Coruña. O matrimonio residía nesta cidade, onde se criará a filla maior de Isolita, e ambos os dous converteranse en promotores da súa educación, dándolle a posibilidade de estudar a carreira de violín. A artista vaise a Madrid para continuar os estudos musicais no Conservatorio Nacional, cunha bolsa da Deputación da Coruña, axuda que se vai prorrogar grazas ás súas boas cualificacións e dotes musicais.

A violinista foi unha grande estudante, obtendo sempre as mellores notas. En 1908 gradúase conseguindo o primeiro premio do centro. Isto reportoulle a posibilidade de actuar como primeiro violín dun sexteto de corda formado para a ocasión, nunha velada literario musical celebrada no Palacio da Infanta Isabel. Tras a grande actuación, en 1915, a artista solicítalle audiencia á infanta. Descoñecemos o motivo, pero obtén unha cita rapidamente.

Xa desde nena, María Chaves González deu diversos concertos por Galicia, sendo máis numerosos tras o remate dos seus estudos, cunha prolífica etapa de actuacións entre 1914 e 1916. No ano 15, a artista emprende unha tournée por cidades como Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Vilagarcía de Arousa ou Tui, coa súa amiga, a tiple María Pardo Trapote, e co barítono pontevedrés, Víctor Cervera Mercadillo.

Muller católica practicante, casa con Augusto Guillermo Biénzobas Lon, inspector de ferrocarrís salmantino, republicano e agnóstico, predominando sempre o respecto de ambos polas ideas do outro. Na intimidade, a parella falaba habitualmente en italiano, idioma ben coñecido polos dous. O matrimonio coñécese en Salamanca, nunha das viaxes de María. A voda celébrase na igrexa de San Nicolás da Coruña o 18 de marzo de 1921, e establecen a súa residencia en terras salmantinas.

María Chaves destacou como unha gran violinista, cun brillante futuro por diante como intérprete segundo o seu profesorado pero, tras o seu matrimonio, deixará a súa arte relegada ao ámbito doméstico. A artista tocará en veladas familiares, acompañada en ocasións polo marido, home polifacético que ademais tocaba o piano e escribía. Dos poemas de Alceo, como adoitaba asinalos, recompilados actualmente polo seu neto, extractamos os versos dedicados a Mary, a súa muller:

VERÁS MUJER: DE MIS GRANDES PECADOS

A mi santa Mary con dolor,
mis culpas su
Augusto

Verás mujer: de mis grandes pecados
siento remordimiento.
En ti quiero olvidar los ya pasados
instantes de tormento.

En esta hora de angustia, solitario,
me quiero confesar.
De mis pasadas culpas el calvario
en ti quiero olvidar.

Quiero llorar, a solas con mi remordimiento
y mi dolor sincero.
Que mi profundo e intenso sufrimiento
llegue a ti, mujer, quiero.

Quiero que en este instante de tristeza
sepas de mi dolor,
y comprendas que toda mi flaqueza
fue por falta de amor.

En tu pecho, mujer bendita y santa,
quiero esconder mi frente,
y recibir de ti, la absolución de tanta
culpa, que mi alma siente.

De todos mis pecados, heme aquí arrepentido.
¡Enséñame a rezar!
Así, a tu lado, contrito e dolorido
me siento bueno…: ¡Así quisiera eternamente estar!

ABL
Abril, 1921

Augusto, quen tamén pintaba e esculpía, realizou un busto do seu grande amigo, o escritor Miguel de Unamuno, obra que aínda se conserva na vivenda familiar da súa filla María Luísa.

O matrimonio ten tres fillos, sufrindo a desgraza da morte de dous deles, pena que os acompañará o resto da vida. María Isabel, Mabel, era a filla maior que nace en 1924 e falece con trece anos por causa dunha meninxite. Dous anos despois, en 1926, nace María Luísa, mestra que casa co médico Carlos Samartín Cornes. O matrimonio vai vivir a Vilanova de Arousa, onde el será coñecido como o médico dos pobres. O fillo pequeno era Augusto Guillermo, quen, como avogado recentemente graduado, vai facer o servizo militar co grao de alférez a Berga (Barcelona). Aquí morre, segundo fontes oficiais limpando unha arma, con só vinte e tres anos, o 28 de xullo de 1955. Este último golpe some a familia nunha fonda depresión da que non conseguirá saír.

En 1936, Augusto pai é encarcerado en Salamanca, permanecendo un tempo en prisión. A súa sogra Isolita diríxese rapidamente á cidade castelá para traer con ela á filla María e á neta, María Luísa. Acólleas na súa casa da rúa Sagasta, 10, 2º, vivenda hoxe desaparecida, en espera da liberación do marido. Aínda que María Chaves se criou cos seus padriños na Coruña, sempre mantivo moi boa relación coa familia. As súas irmás Matilde e Luísa adoitaban chamala Maruja na intimidade.

Nesta situación, e tras saír da cadea Augusto, o matrimonio establecerase en Pontevedra na casa da súa nai. Na Boa Vila participan do depauperado ambiente cultural, como mostra un curso de Historia da Arte Española celebrado na Biblioteca Pública Municipal no que ambos se apuntan en 1938. Seis anos despois, o marido aparece nas listas de parados da cidade. Finalmente, despois dunha vida de perdas e sufrimento, María optará por dedicarse ao coidado da familia e Augusto impartirá clases particulares.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas