- Biografía
- Audios
- Videos
Avelina Pérez Vázquez foi mestra e directora da Escola Normal de Pontevedra durante máis de cincuenta anos. O seu pai, Manuel Pérez, exerceu de secretario no Concello de Cotobade, onde falece o 9 de novembro de 1903. Nesta vila vai ser onde naza a destacada “normalista”.
Benito González Font, o marido, foi un recoñecido pianista que impartiu clases no colexio masculino de Tui, onde falece en maio de 1886. A parella tivo cinco fillos: Isolita, María Digna, Alicia, Luísa e Cástor, e posiblemente un sexto, non corroborado, que segundo recolle a prensa da época se chamaba Humberto, violinista profesional que falece antes de Avelina. Toda a descendencia da directora vai aprender a tocar e a cantar. A insigne familia de mestras e músicas participa activamente na vida ilustrada da Boa Vila de finais do século XIX e principios do XX, e proba disto é a presenza da nai como colaboradora en publicacións como La Revista Popular. Revista de Ciencias, Artes e Literatura nos anos 90.
Temos coñecemento da mestra “normalista” na cidade desde o ano 1868, formando parte da institución educativa. Nesta época asinaba os documentos co segundo apelido do seu marido “Pérez de Font”, feito que vai cambiar quince anos despois, cando pasa a utilizar os seus propios. Coa Real Orde do 14 de marzo de 1877, o cargo de directora era o único ao que podían opositar as mulleres nunha Normal de Mestras. Tras dez anos, xa aparece con este cargo Avelina Pérez Vázquez, sufrindo unha inhabilitación temporal por conta dunha inspección realizada ao centro, en abril de 1903, sendo posteriormente renomeada.
A nai da catedrática de música Isolita González, e avoa da violinista María Chaves, residiu coa súa familia na escola que dirixía. Nesta altura, a entidade estaba situada no pazo García Flórez, grazas a un acordo asinado con Alejandro Mon en 1881, onde cedía o inmoble en réxime de alugueiro, prorrogándose este ata 1930. Así, a Normal de Mestras estivo durante case cincuenta anos no edificio histórico do futuro Museo de Pontevedra. Posteriormente, a escola trasladarase coa de mestres á avenida de Montero Ríos, xunto á sede da Deputación. A matriarca impartiu clases de lingua castelá, xeografía e historia universal, empezando con física e química, historia natural e pedagoxía, segundo se extrae das notas da alumna Josefa Iglesias Vilarelle, a quen lle dá clases en 1901. Outra pupila destacada foi Ernestina Otero Sestelo, quen tivo a Avelina como presidenta do seu tribunal de ingreso en 1904. Neste contexto educativo foi onde se formaron as mulleres creadoras da familia González-Pérez.
En 1894, cabe salientar a participación na Asemblea e Exposición Escolar de Pontevedra da directora e a rexente da Normal, Nemesia Parada Argibay. O acto resulta de importancia porque a presenza feminina nos eventos pedagóxicos ou educativos era case inexistente, exceptuando o Congreso Pedagóxico celebrado en Madrid en 1882, onde asiste a mestra de Neda María González del Valle, ou o Congreso Pedagóxico Hispano-Portugués-Americano celebrado en Madrid en 1892, onde participan Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán.
A ensinanza foi a vida de Avelina Pérez e proba disto é a súa solicitude de aprobación física para continuar impartindo clases con 72 anos. A directora, xa xubilada, falece na Coruña por causa dunha insuficiencia cardíaca o 15 de xuño de 1924. A finada estaba na cidade herculina coa súa filla María Digna e vai ser enterrada no cemiterio católico, con funeral na parroquial de Santiago. Pontevedra celebrará un acto fúnebre na súa memoria en San Bartolomeu, promovido polo claustro de mestras do centro educativo onde pasou a maior parte da súa vida, asistindo tanto alumnado como profesorado do Instituto e Normais.
Autoría: Etnoga
Descargar