Neste momento estás a ver Mestras
Grupo de alumnas de Dona Enriqueta, mestra de Santa María de Xeve.

Mestras

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Setembro é o mes do comezo das aulas, da volta á escola, aos horarios, ás rutinas, á organización (case)imposible do calendario… Con alegría, pero tamén coa tristeza de non poder dispor de tanto tempo de lecer, as crianzas afrontan cada curso un novo reto no seu desenvolvemento persoal e académico. E alí, nese lugar chamado colexio, agarda o equipo do profesorado (tamén con nervios e alegría), disposto a que o ano lectivo sexa do maior proveito posible. A este colectivo, e en concreto ás mestras, quixemos dedicarlle este artigo do mes de setembro.

Escola feminina de Salcedo
Grupo da escola feminina de Salcedo.

Ao longo destes anos de recollida no proxecto A Memoria das Mulleres, o da escola foi, sen dúbida, un dos temas máis recorrentes entre as mulleres da contorna rural de Pontevedra. Esta presenza constante explícase, quizais, pola tristura que para moitas delas supuxo o feito de non poder aprender máis que o básico ou a oportunidade perdida para moitas outras que non puideron continuar, a pesar das aptitudes, debido á situación familiar. E é que algo que hoxe nos resulta tan sinxelo como ir á escola é un feito extraordinario, se botamos a nosa ollada cara atrás. Sorprendentemente, esa mirada está bastante próxima e non precisa ir máis alá das nosas devanceiras máis inmediatas para achegarnos unha realidade moi diferente á actual. A educación non era unha prioridade e, na maioría dos casos, estaba supeditada á necesidade de man de obra da casa.

Para estas alumnas a escola era un luxo, unha sorte que non estaba ao alcance de calquera. Moitas traballaron desde nenas e apenas puideron asistir. A xornada laboral no rural non ofrece moitas oportunidades de descanso e a prioridade era, como non podía ser doutra maneira, traballar para poder manter o sistema de produción que as alimentaba. Os días que podían ir á escola eran os días de choiva, aqueles nos que non se traballaba. Pero, ademais de poder ir pouco, non sempre estaba garantida a presenza da mestra. As escolas eran pobres, con poucos recursos e dependían moito da vontade e forza da mestra. Sen dúbida, non era unha situación fácil. Por norma xeral priorizábase a educación do primeiro home varón, en quen se depositaban as esperanzas para encontrar un traballo remunerado. A educación das mulleres, pola contra, estaba case sempre relegada a un segundo plano e ás necesidades do conxunto da familia.

Esta memoria compartida está determinada polo momento en que transcorreu a infancia destas mulleres, ligado no político ao réxime franquista. Pero foi sempre así? Antes do franquismo, durante o goberno da II República, establecéronse outros obxectivos, como a creación de escolas ou a mellora da formación e do status do profesorado. Con esta finalidade créase o Plan Profesional de Maxisterio, co que se busca equiparar os estudos de maxisterio cos universitarios e, en consecuencia, incrementar o salario do profesorado. O propósito principal era, por un lado, mellorar a calidade do sistema educativo e, polo outro, dignificar as tarefas de mestras e mestres. E que tipo de educación se busca? Apóstase por un ensino laico, no que se introduzan os criterios de innovación pedagóxica máis actuais; créanse cantinas e comedores escolares; dótanse os centros de bibliotecas e auméntase considerablemente o número de escolas. Ademais, a relixión deixa de ser materia obrigatoria ao facer primar os criterios de liberdade relixiosa e de conciencia das crianzas e dos mestres e mestras.

Na formación dos futuros mestres e mestras teñen un papel importante as Escolas Normais, institución que xa comezara a funcionar no estado na segunda metade do século XIX. Nestas escolas aprenden o método, a didáctica e a pedagoxía, aplicando criterios científicos na transmisión dos saberes para substituír a antiga tradición do mestre que acollía outro en formación como pupilo. Neste modelo, ademais, as mulleres gañan presenza.

Ernestina Otero
Ernestina Otero.

Unha destas mestras, moi ligada a Pontevedra, foi Ernestina Otero Sestelo. Ernestina dedicou a súa vida a formarse como profesora e destacou por ser firme defensora dun modelo educativo renovador e dos dereitos da muller. A súa vida divídese entre os moitos logros profesionais alcanzados durante a II República e as persecucións e represalias no franquismo por causa das súas ideas. En Pontevedra iniciou a súa formación como mestra, na que obtivo o grao de “Maestra superior” coa cualificación de Sobresaliente. Pouco despois trasládase a Madrid e ingresa na Escuela de Estudios Superiores del Magisterio, dedicada á formación especializada do profesorado das Escolas Normais e Corpo de Inspectores de primeiro ensino. Nesta etapa establece relacións coa xente da Institución Libre de Enseñanza e integra no seu modelo educativo as ideas progresistas que promoven en materia pedagóxica. En febreiro de 1915, accede por concurso de méritos á praza de Profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Pontevedra e coa proclamación da II República chega a ocupar durante un tempo a dirección da Escola de Maxisterio (Escola Normal). Nesta altura tamén asume a Presidencia do Consejo Provincial de Primera Enseñanza, do que forma parte durante case que catro anos. Pero, ademais do seu compromiso co ensino, Ernestina foi tamén moi consciente da realidade de Galiza e en febreiro de 1933 asina o manifesto en favor do Estatuto de Autonomía de Galiza. Xunto con María Cruz Pérez, serán as dúas únicas mulleres.

No entanto, todos estes recoñecementos do seu mérito profesional de pouco valerán tras o levantamento militar de 1936, cando comezan as denuncias e as persecucións. Sabedor da importancia da educación, cando o franquismo se instalou no poder acabou co modelo construído e coas profesionais a el ligados. Con esta finalidade, o día 11 de novembro de 1936 publícase no Boletín Oficial do Estado o Decreto número 66, “que regula a depuración do persoal docente”:

“Decreto número 66. La atención que merecen los problemas de enseñanza, tan vitales para el progreso de los pueblos, quedaría esterilizada si previamente no se efectuase una labor depuradora en el personal que tiene a su cargo una misión tan importante como la pedagógica.
El hecho de que durante varias décadas el Magisterio en todos sus grados y cada vez con más raras excepciones haya estado influido y casi monopolizado por ideologías e instituciones disolventes, en abierta oposición con el genio y tradición nacional, hace preciso que en los solemnes momentos porque atravesamos se lleve a cabo una revisión total y profunda en el personal de Instrucción Pública, trámite previo a una reorganización radical y definitiva de la enseñanza, extirpando así de raiz esas falsas doctrinas que con sus apóstoles han sido los principales factores de la trágica situación a que fué llevada nuestra Patria,

A este efecto,

DISPONGO […]”

Nese mesmo mes de novembro Ernestina é suspendida de emprego e soldo e aparece na primeira lista de depuración do distrito universitario de Santiago. A partir de aquí a súa vida muda radicalmente: o seu home falece pouco despois vítima da represión e dez días máis tarde publícase no BOE a orde pola que é separada da súa cátedra. Volve á súa Redondela natal, onde dá aulas de pasantía. Porén, os ataques non cesan e boa parte do diñeiro que gaña dedícao a pagar as multas con que a sancionan. Unha vez finalizada a guerra e após a revisión do seu expediente, é reposta no seu cargo pero trasládana á Normal de Ourense e inhabilítana para cargos directivos. Non será ata 1951, grazas a un concurso de traslados, que volve a Pontevedra.

Ernestina Otero é un dos moitos casos que se deron neses anos baixo o amparo dun Decreto cun claro propósito de aniquilación das ideas e das súas transmisoras. Na web dogrisaovioleta.gal recóllense testemuños de mulleres, de mestras, que foron vítimas dun sistema que as condena polo feito de selo, como os de Isolina Méndez Rodríguez, que foi detida, rapada e apartada do ensino como fórmula de presión cara ao seu irmán Benito, tamén mestre e afiliado ao Partido Radical Socialista; Dolores Cea Montenegro, que estivo presa na escola Normal de Pontevedra e que foi afastada das aulas e excomungada publicamente a pesar de ser de ideas profundamente relixiosas; Bernarda Pereira Solla, a quen afastaron das aulas e cuxo marido, tamén mestre, foi asasinado; Bela Bernárdez Gómez, separada do ensino e obrigada ao exilio tras o asasinato do seu pai o 12 de novembro; Peregrina Martínez Santos, integrante dunha familia moi comprometida coa II República, que estivo detida durante un ano e a quen se lle negou volver ás aulas; Nieves Adrio Sobrido, obrigada a se agochar para evitar da rapa e separada das aulas até unha década despois do golpe; ou as irmáns Tucha e Fina Dios Vázquez, ambas mestras depuradas que apenas puideron exercer debido a que sempre defenderan publicamente as súas ideas.

E así, como un fío simbólico de quen ostenta o poder, foise transformando aquela Escola Normal que preparaba para un futuro profesional as mozas que ansiaban dedicar a súa vida á ensinanza para se converter nun cárcere no que se pechaban as persoas e, sobre todo, as ideas.

Deixa unha resposta