Bernarda Pereira Solla

Pontevedra, 1893 - Vigo, 1987

Tanto Bernarda Pereira como o seu home, Alfonso Rodrigo, daban clases en Padriñán (Sanxenxo) cando foi do golpe de estado. Puxeran en marcha unha cantina, un roupeiro e daban clases de apoio ao alumnado con máis dificultades.

Novos métodos, os da II República, que non lle gustaban aos fascistas. A ela afastárona para sempre das aulas e a el detivérono en dúas ocasións. A primeira, deixárono libre. A segunda, paseárono. Era o 5 de setembro de 1936. O seu corpo nunca apareceu. Na memoria familiar ficou que fora lanzado ao mar.

Bernarda e a súa única filla, que se chamaba como ela e achegábase daquela aos trece anos, refuxiáronse na casa familiar de Salcedo. Seguiu adiante dando pasantías e rexentando coa súa irmá Carme unha residencia para estudantes nun piso alugado na Praza da Ferraría. Pero os cartos non daban para seis criaturas, a súa e as cinco da irmá, e tamén recorreron ao estraperlo e até destilaron anís. Até que Narda Rodrigo empezou a traballar, e nai e filla trasladáronse primeiro a Vigo e logo a Venezuela.

Alí viviron até que en 1967 o país foi sacudido por un forte terremoto que as convenceu de volver a Galiza, concretamente a Vigo, onde Bernarda finou o 19 de marzo de 1987. Daquela, a democracia xa lle recoñecera a pensión de viuvez e a que lle correspondería se o fascismo non a tivese afastado das aulas.

Foi tal o terror vivido que apenas falaba do seu home, asasinado aos 41 anos.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese descargar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas