- Biografía
- Audios
- Videos
Esclavitud Dios Vázquez, Tucha Dios, tiña 23 anos no verán de 1936. Acababa de iniciar a súa andaina como mestra e fixera prácticas nunha escola de Vilagarcía. Politicamente coincidía coa ideoloxía do seu irmán, Mirucho Dios, e non era raro vela con el e a súa irmá Fina, dous anos menor e tamén mestra, baixando na manifestación do 1 de maio co persoal do Ferreiro do Pino, a fábrica propiedade da súa nai, Josefa Vázquez, e do seu tío Edelmiro.
Mirucho era vicepresidente do Partido Socialista e secretario de Axitación e Propaganda do Socorro Rojo Internacional. Por iso fuxiu tras o golpe pero foi atopado, detido e, tras ser sometido a torturas, asasinado o 3 de setembro dese primeiro ano. Logo fóronlles á casa e levaron o pai, Antonio Dios, e tamén a Tucha e a Fina. Ameazaron con rapalas e a señora Pepa, como lle chamaban á nai, meteunas nun cuarto e cortoulles a trenza coas tesoiras de costureira, para que non lles quedasen co pelo.
Estiveron un mes no cárcere e o seu tío tivo que pagar cuantiosas multas para mercarlles a liberdade. Cada mediodía agardaban o paso dos gardas cara á cela dos homes para comprobar se levaba o prato do pai e saber así se aínda vivía. Cinco meses estivo Antonio arrestado.
Logo de casar, Tucha e o seu home tiveron unha tenda de zapatos, Calzados Felipe, na rúa dos Soportais, onde viviron ou traballaron varias persoas represaliadas pola barbarie fascista, como as irmás Nicereta, Nieves, María e Aurora Martínez, alcumadas pola súa profesión As Corseteiras; Otilia Meis, a familia de Benigno Rey ou Pastor Torres, integrante do Partido Comunista que tras o golpe estivo anos agochado.
Autora: Montse Fajardo
O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Tucha Dios.
Descargar