- Biografía
- Audios
- Videos
Peregrina Martínez Santos tiña 21 anos en xullo de 1936 e traballaba como mestra en Rouxique, no Concello de Sanxenxo. Integrante dunha familia moi comprometida coa II República, os golpistas afástana das aulas e o 27 de outubro de 1936 é detida, como lles ocorrera tres meses e un día antes ás irmás do seu pai: Aurora, María, Nieves e Niza Martínez Fernández, as coñecidas Corseteiras, integrantes do Socorro Rojo.
Peregrina, afiliada ás Xuventudes Socialistas Mixtas co número 14, acada a liberdade case un ano despois, o 25 de outubro de 1937, pero a persecución non fixera máis que empezar. Pasados cinco anos do golpe, en 1941, aínda se lle abriría outro expediente por responsabilidades políticas pero, como o anterior, sería sobresido, neste caso en 1943.
O seu expediente de depuración culmina coa súa separación definitiva do servizo, grazas en boa parte aos terribles informes do cura de Vilalonga, outra parroquia de Sanxenxo. Pero ela non se arreda e chama a atención o contestatario contido dos seus recursos. O 28 de abril de 1958 consegue que por fin se propoña o seu reintegro no corpo, pero é sancionada co traslado fóra da provincia durante cinco anos.
Á depuración e ao paso pola cadea houbo que sumarlles tamén a imposición dunha multa de mil pesetas, apenas unha pinga da grave represión económica que sufriu a súa familia, sobre todo o seu pai, Arturo Martínez.
Autora: Montse Fajardo
O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Peregrina Martínez Santos.
Descargar