Dolores Cea Montenegro

Nos anos previos ao golpe de Estado, Dolores Cea vivía entre a súa casa de Pontevedra e a que tiña no lugar marinense de Seixo, onde estaba a súa escola. Alí, Dona Lola, como lle chamaban as súas alumnas, compaxinaba as clases coa administración de billetes da liña de Cangas, nun local no que tamén despachaba bebidas con axuda da súa veciña Manuela. Entre as dúas criaron a Rosalía, orfa dunha amiga da señora Lola que morrera pouco despois de nacer a nena.

Tamén estaba moi implicada coa igrexa, participaba nas colectas e até gardaba na escola a imaxe da Inmaculada Concepción, mais durante o tempo da II República enfrontouse co cura e iso, unido á súa simpatía coa Fronte Popular, provocou que os cívicos foran buscala a Seixo. Ela non estaba na casa pero colleron a Rosalía, que daquela tiña doce anos, e puxéronlle unha pistola nas tempas. Logo foron a Pontevedra, detiveron a Lola e estivo presa na escola Normal até outubro. Ademais foi afastada das aulas e excomungada publicamente polo crego, o que resultou un duro golpe para ela, tan relixiosa como era.

Permaneceu anos sen pór escola e sufrindo continuas multas en base a expedientes con acusacións fondamente machistas. Pesou na súa contra a amizade con dirixentes comunistas como o chofer da liña de Cangas Juan Manuel Gómez Corbacho, asasinado polos golpistas, que tamén fusilaron a súa muller, Elvira Lodeiro. Mais, a pesar da persecución das novas autoridades, Lola seguiu celebrando reunións clandestinas tras saír do cárcere e foi solidaria con moitas familias represaliadas.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas