Matilde Caamaño Pato

“Queridos hijiños: Los hombres, que son muy malos conmigo, me apartan de vosotros. ¡Cuánto os quiero! ¡Cuánto os quería! Qué grandes ilusiones para daros comodidades, satisfacciones, alegría… Pero os dejo una madre que es la mejor madre del mundo. Mejor ¡ninguna! Como ellas pocas en verdad…”

Así comezaba a carta que o doutor Amancio Caamaño, presidente da Deputación de Pontevedra durante a II República, escribía á súa descendencia o 12 de novembro de 1936, pouco antes de ser executado na Caeira xunto a outros nove destacados políticos.
Ese día cambiou para sempre a vida da súa muller, Matilde Caamaño Pato. O matrimonio era profundamente relixioso e ela fóralle pedir ao confesor de ambos que intercedese por el, pero non o fixo. Dixo que a Amancio había que matalo. Tamén foi a Burgos, ao cuartel de Franco, xunto a mulleres doutros condenados á morte na mesma sentenza. Dixéronlles que lles conmutaban a pena mais, cando chegaron a Galiza, xa foran executados. Foi só o principio dun calvario que perseguiu tamén os seus irmáns e provocou o embargo de todos os seus bens, incluído o sanatorio e a vivenda familiar. Matilde pasou de gozar dunha situación privilexiada, que o seu home soñaba posible para outras familias, a ter que montar unha pensión en Santiago para atender estudantes. Amancio deixou na orfandade a Matulas, Milocha e Amancio. E deixou unha tristura eterna en Matilde, que abandonaba o seu carácter doce cada vez que na televisión soaba o himno ou saía a cara do ditador, ao que sempre insultaba. Deixáraa sen aquel home que ás portas do paredón escribira sobre ela: “Es un orgullo para mí y para vosotros tenerla, haberla tenido”.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable. Aparece tamén na publicación As familias do 12 de novembro.

 

Biografías Relacionadas