Manuela Gómez Lodeiro

Manuela estaba a piques de facer os catro anos cando os fascistas a deixaron orfa. O seu pai, Juan Manuel Gómez Corbacho, foi asasinado o 12 de decembro de 1936, durante unha batida realizada no lugar da Torre na que prenderon lume ao alboio onde se agochaba. Logo levaron presa a súa nai, Elvira Lodeiro, e tras un consello de guerra no que explicou que estaba embarazada, fusilárona o 19 de decembro.

Elvira deixaba, ademais de Manolita, outra nena, Pilar, que levou para Arxentina unha irmá súa, Delia Lodeiro. Pero non podía coidalas ás dúas e Manolita foi criada por un matrimonio amigo, o que formaban Mauro Caballero e Petra Calleja, que a trataron como unha filla, mais mantendo sempre viva a memoria das súas orixes.

Elvira, que non sabía facer as letras nin ler, pedíralle ao capitán do pelotón que a ía fusilar que escribise por ela unha última carta, na que lle pedía a Petra e a Mauro que lle coidasen a filla e que nunca lle dixesen como morrera. Mantiveron o primeiro mais non o segredo. Sempre lle falaron do orgullo de levar os apelidos dun home e dunha muller asasinados por defender ideas de liberdade e progreso.

Manuela finou o 15 de xullo de 2020 tras asistir coa súa irmá Margarita a varias homenaxes que o Concello de Pontevedra lle rendeu a Elvira Lodeiro e a Consuelo Acuña, que tamén foi fusilada, xunto ao seu irmán Ramón Acuña, por darlle acubillo na súa propiedade a Corbacho e ao seu cuñado, Manuel Méndez, que tamén morreu na queima do alboio propiedade da familia da súa muller, Manuela Acuña.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas