- Biografía
- Audios
- Videos (1)
Margarita tiña doce anos cando o golpe de Estado cambiou para sempre a súa vida. O seu pai, Mauro Caballero, era socialista e tivo que pasar dous anos agochado nun oco habilitado na cociña para evitar a barbarie que se cometera xa con tantas amizades. Como Elvira Lodeiro, que foi fusilada o 19 de decembro de 1936, apenas un día despois de que os fascistas lle plantaran lume ao alboio onde se agochaba o seu home, Juan Manuel Gómez Corbacho. Deixaron dúas orfas e a máis pequena, Manolita, que só tiña tres anos, foi criada por Mauro e a súa muller, Petra Calleja. Desde aquel día, Manolita foi para Margarita a irmá que nunca tivera e xuntas loitaron contra a desmemoria que durante o franquismo e ata na democracia quería deixar atrás a dor sufrida por ambas familias.
Ademais do agocho de Mauro, o golpe provocou que os seus fillos Mauro e Federico foran detidos e este último salvouse das sacas no frontón de Vigo grazas a ter nacido en Cuba e contar con protección diplomática. Mentres, o seu fillo Carlos fuxía do país para non acabar na cadea e Pepe era alistado no bando contrario ás ideas da súa familia.
Todo cambiou naquel verán, tamén para Margarita. Tardou dous anos en volver pisar unha aula, o mesmo tempo que tardou seu pai en saír do agocho, e aquela escola franquista á que regresou en nada se asemellaba a aquela de Hernán Poza onde ela estudaba antes de que as arelas da República fosen tamén asasinadas.
Autora: Montse Fajardo
Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.
Descargar