- Biografía
- Audios
- Videos
Non hai constancia de que a mestra pontevedresa Isolina Méndez Rodríguez tivese militancia política ou sindical, porén os golpistas detivérona, rapárona e impedíronlle seguir exercendo como fórmula de presión cara ao seu irmán Benito, tamén mestre e afiliado ao Partido Radical Socialista, que ficaba agochado desde o golpe de Estado.
En 1936, Isolina ensinaba nunha escoliña do rural, preto de Fornelos de Montes. O fascismo quitoulla e impediulle exercer. Só puido dar clase no colexio que as súas irmás Maruja, Mercedes e Canducha tiñan na vivenda familiar da actual rúa Don Filiberto, en concreto no inmóbel que acolle A Casa das Campás. Fíxoo até o seu matrimonio co doutor Celestino Poza Pastrana, que estivera detido na illa de San Simón xunto ao seu pai, Celestino Poza Cobas, e alí recibira a nova do fusilamento, o 12 de novembro de 1936, do seu irmán pequeno, Luís Poza Pastrana.
Nese mesmo inmóbel da rúa Filiberto foi onde Isolina e as súas irmás agocharon a Benito até a súa fuxida a Venezuela vía Portugal. Nunca o atoparon pero nun dos rexistros os fascistas detiveron a Isolina e estivo durante algo máis dun mes na Escola Normal, mentres as súas irmás, segundo lembra a memoria oral, foron sometidas a arresto domiciliario.
Benito Méndez casou no exilio coa tamén mestra María Ofelia Sangil Hernández e o 4 de febreiro de 1954 regresaron a Galiza coa súa descendencia. El foi condenado a vinte anos, reducidos a seis e un día antes de obter o indulto.
Autora: Montse Fajardo
Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.
Descargar