Neste momento estás a ver Temática do mes: Viúvas
Hermosinda Lamoso.

Temática do mes: Viúvas

  • Categoría da entrada:Novas
  • Comentarios da entrada:Sen comentarios

Non aparecen nas listaxes que contabilizan as vítimas pero a represión golpista quebrou para sempre a súa vida e a da súa descendencia co asasinato do home. Son as viúvas do 36, as mulleres que sobreviviron aos seus compañeiros para convivir durante décadas, ademais de coa dor, coa ruindade dos represores que as marcaban como rojas e, no caso das familias máis humildes, convertían as súas criaturas e a elas mesmas en man escrava para as súas fábricas, as súas leiras ou as súas casas.

Para A memoria das mulleres foi unha teima rescatar os seus nomes e fiar a súa biografía con voz propia, dando luz ao traballo inxente que lles supuxo seguir adiante. Nomes de viúvas de obreiros, a maioría sindicados ou militantes de partidos de esquerda, xunto aos de outras mulleres, casadas con destacados republicanos. Como Amalia Álvarez, embarazada por quinta vez cando os golpistas asasinaron o seu home, Alexandre Bóveda; ou como os das sete viúvas que deixaron os tiros na Caeira aquel aciago 12 de novembro de 1936: Isabel Gómez Costas, muller de Telmo Bernárdez; Rita Sobrido, de Germán Adrio; Matilde Caamaño, de Amancio Caamaño; Carmen Julián, de Víctor Casas, ou Blanca Rodríguez Saez, casada con Juan Rico, capitán da Garda de Asalto. Aurora Poza, que estaba embarazada por segunda vez de José Adrio, e Dolores Lois, que ía dar a luz ao noveno fillo de Ramiro Paz, viaxaron a Burgos para pedir por eles ao cuartel de Franco. Dixéronlles que terían clemencia mais, cando regresaron a Pontevedra, xa os mataran. Aos sete e a Paulo Novás, Benigno Rey e Luís Poza, que nunca casaran.

Impuxéranlles con esa condena a morte unha multa solidaria dun millón de pesetas, das de aquela, que supuxo a incautación de bens: o edificio que albergaba a vivenda e o sanatorio dos Caamaño, a imprenta e o quiosco de Ramiro Paz, todos os mobles de Isabel Gómez Costas agás unha cama, unha muda de roupa branca e a súa propia roupa. Tamén o sanatorio do doutor Celestino Poza, pai de Luís e sogro de José Adrio, foi incautado. A filla do doutor, Aurora Poza, contoulle moitas veces á familia as continuas requisas das que fora obxecto. Entrábanlle na casa e levábanlle a prata, e levábanlle os cartos, e levábanlle todo.

Matilde Caamaño, que até entón gozaba dunha situación acomodada, marchou a Santiago e alí abriu unha pensión para estudantes que posibilitou que o seu fillo Amancio puidese estudar Medicina. A mesma carreira que fixo o único fillo varón de Germán Adrio, tamén de nome Germán, grazas aos cartos que a viúva e as súas propias irmás gañaron cosendo, logo de que a maior, Nieves, fose afastada durante anos das aulas. Carmen Julián empregouse de caixeira na sucursal madrileña da peixería “Coruñesa” e Lola Lois tivo que vender teas polo mercado e mesmo andar ao estraperlo para sacar adiante tantas bocas. Blanca Rodríguez e Isabel Gómez optaron polo exilio mexicano.

A vida cambiou para todas elas.

Como para as viúvas de perfil máis proletario. Isolina Villaverde Cendón tivo que traballar arreo as terras para loitar contra a fame que o golpe lles deixou en herdanza aos dous fillos e á nena que tivera con Aurelio Torres, canteiro sindicalista, asasinado en agosto do primeiro ano. Tamén a súa casa de Mourente foi asaltada unha noite e outra polos falanxistas que sementaban o medo. Nesa parroquia mataron a Ramón Meis, casado con Balbina Pintos, ou Alberto Martínez Tíscar, o home de Vicenta Hevia Marinas. Ningún dos dous cadáveres foron nunca atopados. Tampouco o de Abelardo Sobral, nacido en Salcedo pero casado en Postemirón con Hermosinda Lamoso. Nin o de Jesús González, o Suma, que desapareceu nos anos 40. A súa muller, Maruja Álvarez, tardou décadas en saber que o mataran.

Vicenta Hevia acabou recoñecendo ao esposo no cadáver doutro home que aparecera na praia para poder cobrar unha pensión de viuvez á que tivo acceso grazas a ser a irmá de Remigio Hevia, alcalde franquista de Pontevedra. Unha posibilidade que non tiveron outras viúvas. Por ter, non tiñan nin dereito ao dó. Aos mortos rojos non se lles podía nin rezar. Isolina Villaverde enterrou a Aurelio nunha tumba sen nome logo de que o cura de Mourente, Ignacio Triñanes, lle impedise meter o cadaleito na igrexa para un responso. Ela, que era crente, dixo que logo diso non volvía pisar a igrexa e nunca a volveu pisar. Nin a de Mourente nin ningunha. Tampouco Matilde Caamaño, a viúva de Amancio, volveu entrar na de San Francisco despois de que o párroco se negase a interceder para evitar o fusilamento do seu fregués.

A cifra de viúvas é inabarcable. E a cifra de orfandade. Pilar Alonso tiña unha nena e un neno de José Araújo cando o fusilaron. Dolores Castro Ruibal quedou soa con cinco criaturas tras o asasinato de Juan Magdalena. Elisa Ruibal tivera catro fillos e unha filla con Víctor Moldes, asasinado o mesmo día que Albino Torres, o Perrita, veciño de Lérez. O Perrita casou esa mesma mañá con Carmen Casalderrey, para darlle os apelidos á súa filla, Mucha, que tiña tres anos, e ao seu neno, Francisco, que con sete foi ao cárcere para asistir á voda. Coa primeira paga que recibiu, xa en democracia, Carmen a Lanuda, como lle chamaban en Lérez, comprou o anel que nunca tivera. E como Lola Lois, e como tantas e tantas, tivo que acudir ao estraperlo para seguir adiante.

Manuela Acuña tivo que facelo, ademais de coa súa descendencia, coidando dun fillo con discapacidade psíquica que tivera a súa irmá, Consuelo Acuña, fusilada por darlle agocho ao home de Manuela, Manuel Méndez, na súa casa de Salcedo. A Manuel matáronlle tamén un sobriño, que se chamaba coma el. A nai das súas dúas fillas, Estrella Pintos, foi torturada e perdeu o bebé que esperaba no intento de que Manuel delatara a partida do monte na que estivera agochado ata que se achegou o día do parto. Tamén a Josefa Peleteiro Rial, a pesar da súa avanzada idade, lle deron unha malleira cando a foron prender para logo asasinar o seu home, o concelleiro José Gallego Acuña, veciño de Salcedo.

Como Estrella Pintos houbo outras pontevedresas que ficaron viúvas aínda que nunca casaran. Digna Blanco Novegil era a moza de Manuel Amoedo, cuxo cadáver tampouco apareceu. Agochárao o pai de Digna pero chegaron os cívicos e ameazaron con queimarlle a casa e levarlle o neno se non falaba. Levounos ao pozo onde estaba o futuro xenro e a filla marchoulle da casa e non quixo saber máis del.

Dolores Laxe era a moza de Edelmiro Dios, da familia do Ferreiro do Pino, que foi paseado o 3 de setembro de 1936. E como a súa veciña Estrella Portela, morreu axiña de faltarlle el. Estrella foi rapada e tatuada por non desvelar o paradoiro do seu mozo, Faustino Gama, que foi fusilado logo de que se entregou para evitarlle máis danos a ela. Tamén Argentina Villaverde foi rapada. O seu mozo, José Oliveira Posada, veciño de Mourente, foi levado ao paredón en Ferrol estando ela embarazada.

E como tantas outras pontevedresas ficou soa, coa nena e co medo.

Deixa unha resposta