- Biografía
- Audios
- Videos
A primeira detención do home de Maruja Álvarez, Jesús González, produciuse inmediatamente despois do golpe. O Suma, así alcumado por ser dono do bar Suma y sigue, puxera o coche de punto da súa propiedade á disposición das tarefas de defensa do Goberno Civil ata a súa caída en mans golpistas, o 20 de xullo de 1936. As boas relacións co réxime franquista da familia da súa muller lograron que acadase a liberdade ao ano seguinte, pero no 38 volvería ingresar en prisión acusado de agochar a Antonio Fandiño, implicado no asasinato do falanxista Secundino Esperón.
A década seguinte, ata o seu intento de fuga en 1948, pasouna o Suma entrando e saíndo de prisión. E con cada ingreso, a súa familia tiña que refuxiarse en casa dunha tía, pois levaba aparellado o precinto do edificio do bar, onde tamén tiñan a residencia. Primeiro foi o Suma y sigue e despois o Leiriña, onde Jesús González habilitara unha imprenta clandestina na que realizar propaganda antifranquista que el mesmo distribuía.
A presión policial acrecentouse e, en 1948, tomou en Noia un barco rumbo ao exilio, pero nunca o alcanzou. Cos anos, a súa familia soubo que fora traizoado e asasinado durante a fuga, mais durante décadas tivo que escoitar que refixera a súa vida no Brasil con outra muller. Maruja nunca o creu e na espera estivo a piques de tolear. Sufriu graves crises de bipolaridade. Morreu con 65 anos sen saber que fora do seu home, ao que buscou mesmo acudindo á bruxería.
Tiveran un fillo e tres fillas, mais a maior das nenas morréralle moi nova e a máis pequena herdou o nome: Elisa. Foi ela a que coñeceu, pasados os anos, a historia do seu pai e tivo a certeza de que a tolemia de Maruja non erraba.
Autora: Montse Fajardo
Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.
Descargar