- Biografía
- Audios
- Videos
Mourente foi o berce de José Araújo Pérez, un dos fundadores do socialismo vigués que xa finara cando o golpe de Estado do 36 acabou co soño colectivo. Mais o seu fillo herdara, ademais do nome e os apelidos, as ideas políticas del, e tan pronto triunfou o golpe, os gardas presentáronse na casa do seu pai para levalos detidos a el e ao seu irmán Pablo. Logo foron ao fogar que compartía coa súa muller, Pilar Alonso, a filla de seis anos, Pilar, e o fillo de apenas dous, Pepe, e desvalixárona. Baleiraron a libraría e roubaron todos os obxectos de valor, antes de meter presa tamén a Pilar. Tivérona detida dous meses, ata o 23 de setembro de 1936, dous días despois de que un pelotón de fusilamento a deixara viúva.
Para saír adiante traballou a reo. Non llo puxeron doado. A represión económica contra a familia Araújo foi constante. Ás irmás do seu home leváronlles o coche e tamén incautaron a maquinaria da panadería familiar e dous vagóns de fariña que acababan de chegar á estación e que aínda debían á firma subministradora.
Foron á ruína. As irmás de Pepe tiveron que buscar refuxio en Vilaboa e Pilar saíu adiante cosendo, vendendo peixe, embutidos ou roupa, co fin de loitar contra a fame e para poder mercar a penicilina que o seu fillo, doente, precisaba aínda máis co pan. A pesar do sufrimento, sempre lle falou as súas criaturas do que pasara e transmitiulles a certeza de que o seu pai non fixera nada malo.
As súas cuñadas, en cambio, refuxiaron a súa dor no silencio.
Autora: Montse Fajardo
O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Pilar Alonso
Descargar